Burela, 30 de maio, 2021. O traballo e esforzo do Pescados Rubén Burela FS non obtivo esta tarde a súa recompensa a pesar de merecelo. Aos de Sito Rivera sobráronlles 11 segundos para garantir a súa permanencia na elite, co empate de Lolo 4-4 nunha recta final frenética. Con 38 puntos e a 15ª praza, agora toca pensar no play out.
Saltou á Bomboneira o equipo de Vadillo con moito perigo e atopou premio xa no minuto 3, en estratexia con Diego Nunes. Souberon ir gañando posesión e dominio os de Sito Rivera aos poucos. A primeira clara chegou no 6 con Giasson aínda que se foi demasiado alta. No 12, Barrón evitou a mellor ata o momento dos galegos, cunha recuperación de Javi Rodríguez que lle serviu a Pazos. O meta insular salvou ao seu equipo no 13, ante a Xoia canaria, e no 16, cun pase de Giasson que non puido culminar Lucho. Pescados Rubén Burela FS tentou atopar o merecido empate tamén con xogo de cinco, liderado por Renato, sen éxito.
Volveu moi enchufado o conxunto laranxa gañando en perigo. O toque de Xoia Laranxa, o de Renato, puxo o empate no minuto 24 cazando o rexeite dun disparo seco fulminante de Giasson. A partir de aí o equipo mariñán só foi a máis e por fin chegou o segundo con nova denominación de orixe laranxa, con recuperación de Giasson finalizada por Iago Míguez (minuto 32). Respondeu Vadillo con xogo de cinco. Tivo o terceiro Lucho no 35 pero salvouna Raúl Campos. Iago Míguez fixo estalar a Bancada Laranxa a porta baleira no 36 aínda que Vilela devolveu as táboas en tan só uns segundos, en superioridade. O Pescados Rubén non estaba disposto a ceder e Javi Rodríguez subiu o cuarto de cabeza a falta de dous minutos. Acariñou a vitoria o Burela pero Lolo a falta de tan só 11 segundos desfixo a maxia.
Ficha técnica
Pescados Rubén Burela FS: Edu, Matamoros, Renato, David Pazo, Quintela, cinco inicial; tamén xogaron Giasson, Javi Rodríguez, Iago Míguez, Álex Diz, Lucho, Pitero
Palma Futsal: Barrón, Lolo, Higor, Tomaz, Nunes, cinco inicial; tamén xogaron Vilela, Raúl Campos, Cléber, Rafa López, Hamza, Marlon, Claudino
Goles: 0-1, minuto 3, Diego Nunes; 1-1, minuto 24, Renato; 2-1, minuto 32, Iago Míguez; 3-1, minuto, 36, Iago Míguez; 3-2, minuto 37, Vilela; 3-3, minuto 37, Vilela; 4-3, minuto 38, Javi Rodríguez; 4-4, minuto 40, Lolo
Árbitros: Sánchez Llorente // Toca Campa. Por Burela amarela a Matamoros (minuto 10), David Pazos (minuto 12), Edu (minuto 33), Javi Rodríguez (minuto 37), Diz (minuto 39)
Incidencias: Partido correspondente á xornada 34 de Primeira División Masculina disputado en Vista Alegre.