Lugo, 28 de maio de 2021. A voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, informou de que a Xunta de Goberno deste venres aprobou a adxudicación de 19 do total de 24 lotes nos que está dividido o contrato para o desbroce dos 4.200 quilómetros da rede viaria provincial. En concreto, adxudicáronse os traballos de roza en estradas de 55 concellos de toda a provincia por un importe total de 1,7M€.
En canto aos 5 lotes restantes, que afectan a 12 concellos, a previsión é aprobar a adxudicación na Xunta de Goberno da vindeira semana. As tarefas comezarán neste mes.
“En total, destinaremos á roza das estradas provinciais a través deste contrato máis de 2,5M€, un investimento moi importante, que responde ao compromiso da Deputación de Lugo de mellorar a seguridade na rede viaria provincial, e mellorar a comodidade dos condutores, evitando que a vexetación dificulte a evacuación das augas de escorrentía ou afecte á seguridade dos usuarios polo efecto ‘aquaplaning’ que pode darse, pola redución da anchura transitable e a diminución da visibilidade. Estes traballos tamén favorecen a prevención de incendios durante o verán”, explicou García Porto. O contrato ten unha vixencia de dous anos, con opción de prórroga por outro máis.
En materia de estradas, a Xunta de Goberno tamén aprobou o proxecto e a licitación de novas obras na rede viaria provincial, en concreto, para a mellora da estrada LU-P-5705, entre o concello de Sarria e o Páramo, cun investimento de preto de 90.000 euros. As obras consistirán na rehabilitación do firme mediante regos asfálticos nun tramo de 5 quilómetros, do punto 7,7 ao 12,61, entre os núcleos de Mazadorio e San Martiño da Torre, situados no concello de Sarria e O Páramo, respectivamente.
Así mesmo, a Xunta de Goberno acordou licitar o contrato para a adquisición dunha mini pala cargadora de rodas con cazo e varredora para realizar a limpeza da calzada, permitindo unha mellor adherencia da imprimación e, polo tanto, favorecendo unha mellor calidade das obras. Este novo vehículo, cuxa compra sae a licitación por máis de 60.000 euros, incorporarase á maquinaria do Parque Móbil da Deputación.
Equipamento do CAM Meira
Na súa reunión de hoxe, o Executivo deu tamén luz verde á adxudicación do lote de equipamento do Centro de Atención a Maiores de Meira correspondente ao material de lavandería á empresa Alarsa Hostelera S.L. por un importe de 35.700 euros.
A Deputada lembrou que a pasada semana aprobouse a adxudicación de dous lotes, por un importe de 43.300€, neste caso correspondentes á dotación de equipos médicos, xogos, material pedagóxico e axudas técnicas, e ao equipamento de pequenos electrodomésticos e material de limpeza. Quedan por adxudicar outros dous lotes, para mobiliario xeral e cortinaxe, que están pendentes da presentación de documentación.
O investimento total da Deputación no equipamento das instalacións da residencia de Meira, que prevé abrir de cara ao verán, ascende a 300.000€.
Palla para a Granxa Gayoso Castro
A Xunta de Goberno sacou a contratación o subministro de palla para o gando da Granxa Gayoso Castro cun orzamento base de case 22.000 euros e unha duración dun ano, con posibilidade de prórroga por dous máis.
Aloxamento web
Así mesmo, e para un mellor servizo, aprobouse licitar un contrato para o servizo de aloxamento de sitios web da Deputación de Lugo e de mantemento do servizo de correo electrónico por un importe de 21.700 euros e cunha duración de dous anos, con opción de prórroga por outras dúas anualidades.
Remanentes do Plan Único
Na Xunta de Goberno aprobáronse tamén as solicitudes de tres concellos para destinar remanentes do Plan Único 2020 a novas actuacións. A Pastoriza pavimentará accesos a Negrelos e Sá con 35.000 euros e Cospeito dedicará 75.000 euros á pavimentación de accesos e á dotación de alumeado público en varios núcleos. Por último, Antas de Ulla prevé, con estes remanentes, adquirir elementos complementarios para un escenario.