Viveiro, 22 de maio de 2021. A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou esta tarde o Espazo Xove de Viveiro con motivo da celebración da Liga Xunta de Galicia de Break, unha iniciativa promovida polo Goberno galego que se organiza por primeira vez en Galicia en colaboración coa Asociación Vella Escola. A competición, na que poden participar mozos e mozas de toda Galicia con independencia de se teñen un nivel de iniciación ou avanzado, arrancou este sábado en Viveiro, unha das dez sedes nas que recalará ao longo do ano.
Cristina Pichel lembrou que a celebración desta Liga se enmarca na programación de actividades da feira de lecer e educación non formal que organizou este venres o Espazo Xove, que contou con obradoiros e charlas centradas no surf ou no hip-hop. Cómpre resaltar que estas feiras forman parte dun programa novidoso da Consellería de Política Social neste 2021 denominado Primavera Xove, a través do cal se dan opcións de ocio educativo, responsable e seguro á mocidade, e cuxa programación completa se pode consultar en: http://xuventude.xunta.es/primavera-xove.