Ribadeo, a 22 de maio de 2021. O Grupo Municipal Popular afirma que se está a dar un “suma e sigue no abandono das estradas municipais por parte do goberno do BNG de Ribadeo”, segundo advirte o seu voceiro, Daniel Vega. Por iso no vindeiro pleno da corporación municipal os populares presentarán un rogo solicitando investimento para o arranxo do entornos dos barrios da Pega e de San Lázaro, concretamente das vías municipais rúa do Amalló, Alza San Lázaro, rúa da Pega e A Faxarda.
“Deste xeito, desde o Grupo Municipal Popular, despois de reunirnos hoxe cos veciños destes dous barrios, unímonos ás súas reivindicacións, as cales non veñen de agora senón xa de lexislatura pasadas e a resposta do goberno municipal foi e segue a ser nula”, declara Vega.
O Grupo Municipal Popular censura o desprezo do goberno local por certos barrios “xa que, tamén, os entornos do Grupo San Miguel, Justo Barreiros e barrio da Torre continúan totalmente abandonados”. “Non queremos que haxa veciños de primeira e veciños de segunda, queremos igualdade entre os nosos veciños”, finaliza o voceiro popular ribadense.