Lugo, 21 de maio de 2021. O Certame Escolar de Ilustración ilustrarNOS convocado pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo recibiu 188 traballos de estudantes de centros educativos de primaria e secundaria da provincia. Trátase de ilustracións orixinais e inéditas baseadas en citas de Alfonso Daniel R. Castelao, tal como se propoñía nas bases do concurso, que ten como obxectivo promover a creatividade artística e plástica entre o alumnado.
Na categoría de 5º e 6º de Educación Primaria presentáronse 111 traballos, 47 na categoría de 1º e 2º de Educación Secundaria e 30 na de 3º e 4º de Educación Secundaria. Entre os participantes, figuran alumnos e allumnas do CEIP Anexa, CEIP Rosalía de Castro, CPR La Inmaculada, Coleixo Fingoi, CPR San Xoxe, IES Lucus Augsuti e o IES San Xillao, de Lugo; o CEIP Manuel Mallo de Nadela; o CEIP Gregorio Sanz de Ribadeo; o IES Perdouro de Burela e o IES San Rosendo de Mondoñedo.
A vicepresidenta e responsábel de Cultura, Maite Ferreiro, agracedeceu “a boa acollida por parte dos centros a este certame que puxemos en marcha este ano, con vocación de continuidade, igual que o resto das actividades incluídas dentro do programa ilustrarNÓS, que arrancou o pasado 30 de xaneiro, Día da Ilustración, e que nos permitiu desenvolver intervencións artísticas, obradoiros e coloquios arredor desta disciplina artística noutros vinte centros de ensino da provincia”
Un xurado formado pola ilustradora Bea Lema, a deseñadora gráfica Belén Freijeiro e Alejandro Carro, vicedirector da Escola de Arte e Superior de Deseño Ramon Falcón de Lugo, encargouse da valoración das obras, tendo en conta aspecto como a orixinalidade e a creatividade na interpretación da cita, a técnica e composición da imaxe ou a súa aportación narrativa.
Os galardóns aos mellores traballos de cada categoría entregaranse o vindeiro 28 de maio na Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos. As alumnas e/ou alumnos recibirán como premio un IPAD con aplicacións de deseño gráfico e unha colección de libros ilustrados (álbum, banda deseñada, novela gráfica, etc.), axeitados súa idade.