Santiago de Compostela, 20 de maio de 2021. A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe, na Plataforma de contratos públicos de Galicia, a licitación do contrato de xestión para a explotación das estacións de autobuses de Burela, de Ribadeo e de Viveiro, por un valor estimado de máis de 882.000 euros e por un período de 5 anos.
O contrato de concesión licitado hoxe inclúe a xestión dos servizos públicos regulares das tres terminais das estacións de transporte de viaxeiros en autobús, con expedicións que teñan a súa saída, chegada ou tránsito nas mencionadas vilas. O obxectivo da contratación conxunta destes servizos é optimizar os recursos necesarios para a súa explotación.
As empresas interesadas neste contrato de servizos para a xestión das tres terminais teñen de prazo para presentar as súas ofertas ata o día 18 de xuño.
A xestión da explotación en modalidade concesional das tres estacións inclúe a xestión e explotación dos locais e servizos complementarios das terminais, así como das zonas comúns e tamén a explotación publicitaria.
As estacións de autobuses tamén prestarán ou facilitarán os servizos preparatorios e complementarios do transporte público aos usuarios e aos transportistas, e proporcionarán a asistencia na facturación, consigna e venda de billetes.
Previamente á licitación dos novos contratos de xestión da explotación destas estacións, o departamento que dirixe Ethel Vázquez realizou actuacións de mellora nas tres estacións.
Estas actuacións foron executadas durante os anos 2019 e 2021 no marco das obras de renovación e mellora de cinco estacións de autobuses da provincia de Lugo, nas que se incluíron, ademais da de Burela, a de Ribadeo e a de Viveiro, as terminais de Monforte de Lemos e de Sarria. O investimento autonómico conxunto nestas intervencións acadou os 732.000 euros.
As actuacións tiñan por obxectivo proporcionarlles aos usuarios do transporte público en autobús unhas instalacións máis cómodas e eficientes e con máis información sobre horarios, servizos e liñas dispoñibles.
As intervencións incluíron reparacións puntuais e melloras nas cubertas das terminais de autobuses, coa renovación de pavimentos, principalmente nas zonas máis deterioradas, como é o caso da zona de circulación de autobuses.
Tamén se incluíron melloras nas instalacións eléctricas e na iluminación, o arranxo de falsos teitos ou dos aseos e a dotación de equipamento, como pantallas de información ou novo mobiliario para facer máis cómoda a espera de viaxeiros.
Mediante este contrato, o departamento de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta segue traballando para dotar de máis servizos e mellores equipamentos de transporte público a todos os usuarios e viaxeiros que empregan o autobús para os seus desprazamentos.