Foz, 13 de maio de 2021. O Concello de Foz destaca que é o municipio da Mariña con máis bandeiras azuis: cinco para praias e unha para a ruta que vai desde A Rapadoira ata a Areoura.
“Desde o Concello de Foz manifestamos a nosa satisfacción pola concesión de todas e cada unha das bandeiras azuis solicitadas. Unha vez máis somos o concello que máis bandeiras acumula na comarca. As praias de A Rapadoira, Llas, Peizás, Polas e Areoura, ás que se suma o sendeiro Ruta das Praias, que percorre todo o litoral do concello desde A Rapadoira ata Areoura, en Cangas de Foz, logran un galardón que é froito de anos de esforzo e compromiso do persoal municipal e da corporación na prestación de todos os servizos necesarios para beneficio dos veciños e visitantes e de cumprir con todas e cada unha das recomendacións que nos efectúan”, explica o concelleiro de Turismo, Chema Linares.
O alcalde, Fran Cajoto, engade que “desde o Concello de Foz estamos comprometidos en intensificar estes servizos, en mellorar a seguridade, accesibilidade e contorna das praias e coa súa limpeza e roza. Por primeira vez procedeuse á limpeza do areal da Rapadoira no mes de marzo, antes da época de cría da píllara, especie protexida que impide calquera actuación ata o mes de xullo. Recentemente efectuouse a limpeza dos bancos do Paseo de Colón e repuxéronse as mesas do merendeiro da praia da Rapadoira, que levaban anos en continuo deterioro”.
O concelleiro Chema Linares lembra que o ano pasado colocaron unha zona de sombra para as persoas con mobilidade reducida, repuxéronse os parasoles e os paneis informativos que estaban deteriorados; apunta que este ano repuxeron duchas e lava-pés nas praias de Llas e Polas, que non contaba con eles, e adianta que se procederá á colocación dunha pasarela temporal, a continuación da principal existente, que “permitirá o acceso á auga, con comodidade e seguridade, ás persoas con mobilidade reducida, coas que estamos seriamente comprometidos. Todas estas actuacións e outras que realizaremos en breve contribúen a unha mellor calidade dos servizos que prestamos aos veciños e visitantes”.
Ademais Linares destaca que “o ano pasado, no peor momento da pandemia, tívose que aumentar a limpeza das praias e establecer itinerarios peonís de sentido único para evitar, na medida do posible, os riscos de contaxio. É algo que debemos valorar para este verán, segundo a evolución da pandemia, aínda que en principio e cos datos actuais cabe a posibilidade de que non sexa necesario continuar con eles, polo que apelamos á responsabilidade de todos os nosos veciños e visitantes á hora de acceder e permanecer nas praias e ao cumprimento escrupuloso das medidas que ditan as autoridades sanitarias”.
Fran Cajoto manifesta a intención de levantar todas as bandeiras azuis logradas, “sobre todo a da nosa praia máis representativa: A Rapadoira. Pero todo dependerá do número de socorristas que podamos contratar e polo tanto necesitamos que a Xunta de Galicia se comprometa coa seguridade nas praias e non se limite a concedernos a contratación de seis socorristas, igual que o ano pasado. En tempos Foz contaba con ata 30 efectivos para o salvamento nos areais. Sendo esta a maior contratación de persoal eventual que realizamos os concellos costeiros sería bo que desde a Xunta de Galicia se facilitase a obtención da debida capacitación ás persoas interesadas en prestar o servizo de vixilancia nos areais”.