A Mariña lucense e, de xeito especial, a vila de Ribadeo e concellos limítrofes, teñen razóns dabondo para felicitarse pola boa nova do acordo acadado entre o ente público autonómico Portos de Galicia, dependente da Consellería do Mar, e a empresa papeleira ENCE. Vén a garantirse a continuidade do uso do porto de Mirasol, como plataforma loxística para o tráfico das súas mercadorías ata como mínimo o ano 2020.
O Partido Popular foi a primeira forza política comprometida coa ofensiva en defensa do porto comercial de Ribadeo. Non podíamos aceptar que pola desidia e a falta de reacción do Goberno municipal e do bipartito, que nese momento xestionaba a Xunta, condenáramos ao cese de actividade a un porto, no que só as operacións de ENCE supoñían preto dun 65% do total da súa actividade.
Debemos lembrar que, un tráfico portuario que PSOE e BNG daban por perdido hoxe está consolidado. Non foi necesario construír unha supernave de grande impacto ambiental, tal e como pretendían no pasado, nin xerar unha guerra co Principado de Asturias, onde con cartos pagados tamén por galegos, Fomento estaba a financiar unha opción alternativa a Mirasol. Fixo falta moito sentido común, disposición para o entendemento e unha oferta sólida, crible e difícil de rexeitar.
Co cambio de Goberno en Galicia, e o acceso á responsabilidade da xestión da Xunta do Partido Popular, do equipo de lidera Alberto Núñez Feijoo, a situación mudou substancialmente. En pouco máis dun ano as conversas con ENCE teñen dado fruto a través deste acordo que ademais logrou acadar o respaldo unánime social, medioambiental e político.
Agora a Xunta de Galicia impulsará unha serie de actuacións que a curto prazo suporán a mobilización dun importantísimo investimento, máis de 2,6 millóns de euros para o porto de Mirasol, que incluirán a dragaxe da canle de navegación e a mellora da liña de atraque no peirao, entre outras.
Temos que felicitarnos por unha boa nova, pola máis que acertada defensa dos intereses de Galicia que soubo desenvolver a Xunta, o Goberno do PPdeG, materializando o seu compromiso coa Mariña lucense e o porto de Mirasol, a súa aposta polo mantemento e fortalecemento da actividade económica e do emprego.