Ribadeo, 8 de maio de 2021. A Xunta de Galicia retoma a partir do 30 de maio as viaxes da campaña Elixe Galicia, que ofrece catro programas diferenciados para fomentar o turismo interno dentro da Comunidade: vacacións en zonas costeiras; natureza e montaña; patrimonio histórico e cultural e estancias en balnearios ou spas. Os destinos propostos son A Mariña, a Ribeira Sacra, as Rías Baixas e as Rías Altas.
O delegado territorial da Administración galega en Lugo, Javier Arias, visitou hoxe unha das localizacións incluídas nestes paquetes turísticos, a Praia das Catedrais (Ribadeo), onde animou á mocidade menor de 30 anos, ás familias con fillos menores de idade e aos pensionistas maiores de 55 anos a que soliciten praza para viaxar a prezos reducidos con este programa, no que os usuarios aboarán o 60% do custo e a Xunta o 40%.
Apuntou que as persoas interesadas deben inscribirse nas axencias de viaxes e poden facelo mentres non se cubran as prazas. “Este programa foi concibido pola Xunta como un estímulo para desestacionalizar o turismo en Galicia”, dixo Arias, “polo que se desenvolverá entre o 30 de deste mes e o 15 de novembro, exceptuando o período comprendido entre o 21 de xuño e o 10 de setembro, ademais das pontes e os días festivos”. Todos os detalles poden consultarse na páxina web da Axencia de Turismo de Galicia.
Os catro programas de Elixe Galicia ofertan como destino A Mariña lucense, onde se propoñen estadías de entre tres e cinco días e desprazamentos a lugares singulares como a fábrica de Sargadelos (Cervo), a Praia das Catedrais, a catedral e o Museo Catedralicio de Mondoñedo, o casco histórico de Viveiro ou o paseo do Fuciño do Porco (O Vicedo); así como visitas a distintas localidades mariñás e á cidade de Lugo.
Na Ribeira Sacra hai a opción de aloxarse nun balneario durante cinco días e coñecer a zona, visitar os principais mosteiros, desfrutar da paisaxe dos canóns do Sil e percorrer Monforte de Lemos, entre outras actividades.
“Esta medida pretende fomentar o turismo interno fóra da tempada alta, pero agora cobra aínda máis sentido apoiar ao sector e incentivar que os galegos e as galegas viaxemos dentro da nosa Comunidade”, afirmou Arias, quen explicou que nesta mesma liña, a Xunta tamén impulsa o bono tarxeta turística #QuedamosenGalicia, que tivo un éxito rotundo entre a cidadanía na súa segunda convocatoria. Ambos programas suman un investimento autonómico de 10 millóns de euros.