Santiago de Compostela, 5 de maio, 2021. O deputado autonómico José Manuel Balseiro defenderá unha emenda, na sesión que ten lugar hoxe da Comisión de Pesca e Marisqueo do Parlamento de Galicia, coa que -unha vez máis- os populares queren facerse eco dunha reivindicación histórica da Mariña lucense.
No Grupo Popular son favorables á creación dunha autoridade portuaria propia para San Ciprián (desagregada da actual de Ferrol-San Ciprián), en coherencia cos acordos promovidos polo PP nos últimos anos nas distintas institucións. En todo caso, consideran que para poder dar ese paso é necesario, con carácter previo, acadar a apertura ao tráfico comercial xeral do dique norte de Morás.
De non seguirse estes pasos, “de sentido común” a nova autoridade portuaria de Lugo non xestionaría ningún recurso propio xa que, na actualidade, o único porto de interese xeral operativo na zona, o de San Ciprián, está explotado por Alcoa, que ten unha concesión sobre o mesmo para uso exclusivo.
O PP tamén demanda unha correcta redistribución dos ingresos obtidos a través do porto de San Ciprián de xeito que revertan na costa de Lugo.
A emenda en concreto, é a seguinte:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a:
1.- Instar ao Goberno do Estado para que inicie as negociacións oportunas para liberalizar e abrir ao tráfico comercial o dique norte do Porto de Alcoa en San Cibrao.
2- Instar ao Goberno da Autoridade Portuaria Ferrol – San Cibrao a que en tanto non se cree a autoridade portuaria de San Cibrao proceda a unha redistribución dos ingresos obtidos a través do porto de San Cibrao de xeito que estes ingresos revertan na costa de Lugo.
3- Instar, unha vez aprobada a apertura do dique norte ao tráfico comercial xeral, ao Goberno do Estado á creación da Autoridade Portuaria de San Cibrao segregándoa da Autoridade Portuaria Ferrol – San Cibrao”.