Santiago de Compostela, 30 de abril , 2021. A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón anunciou que o BNG reclamará crear “unha Unidade de Muller e saúde”, dependente da Consellería de Sanidade que permita impulsar a perspectiva de xénero en todos os ámbitos e “unha estratexia” para atención integral á saúde das mulleres co fin de “facer visibles e dar pasos para eliminar as dificultades das mulleres á hora de acceder ao sistema sanitario”.
A respecto da investigación, a portavoz nacionalista avogou por indicadores de xénero nos protocolos e ensaios clínicos e liñas de investigación específica das enfermedes con maior impacto nas mulleres como a endometriose e fibromialxia.
O segundo punto da estratexia para atención integral da saúde das mulleres, explicou, atinxe á formación dos profesionais. “Dende a facultade á atención sanitaria debe haber formación de xénero” cunha atención especial ás patoloxías que padecen as mulleres. Nesta liña, lembrou que o BNG xa propuxo crear unha unidade interdisciplinar de endometriose e plans específicos de detección precoz, campañas de divulgación e sobre todo, reforzar a Atención Primaria para as mulleres ao longo do seu ciclo vital.
Acompañada da portavoz de Sanidade, Montse Prado, a portavoz do BNG mantivo un encontro coas Asociacións de mulleres afectadas por endometriose, Querendo, Asociación galega de Fibromialxia e a Asociación de pediatras e matronas, XA, para analizar as consecuencias da COVID na atención da saúde das mulleres.
A líder do BNG recalcou que a pandemia agravou o acceso das mulleres á atención sanitaria, mesmo coa cancelación de actuacións básicas como as relacionadas co parto e pos parto. Tamén hai, dixo, “unha maior carga en saúde mental” derivada da COVID e os coidados e no ámbito sanitario no que a maioría son mulleres.
Perspectiva de xénero na saúde
A crise agudiza as discriminacións por xénero no sistema sanitario e poñen o foco na “necesidade de aplicar a perspectiva de xénero no ámbito da saúde”. Neste sentido, aludiu á insuficiencia de matronas que coloca a Galiza como a comunidade con menor taxa de todo o estado español e que obriga a moitas mulleres a desprazarse para acceder a este servizo básico. En Lugo, unha matrona debe atender a 11.273 mulleres , en Ourense 14.500 e en Vigo hai unha matrona por cada 11.300 mulleres. Esta situación, dixo, “agravase no rural” e avanzou que vindeiros anos xubílase o 70% das matronas de Atención primaria sen que exista unha planificación para resolver a carencia de matronas.
Para a nacionalista, os exemplos non rematan na atención do parto e pos parto porque tamén hai, dixo, insuficiencia de persoal sanitario para atender as mulleres afectadas por endometriose que deben agardar oito anos por un diagnóstico e sen tratamentos específicos por falta de investigación neste ámbito. Por outra parte, a telemedicina retrasa aínda máis atención e as mulleres afectadas de fibromialxia, que xa tiñan que agardar cinco anos por un diagnóstico a atención non presencial dificulta dobremente as súas consultas. “Os diagnósticos tardíos agravan sempre as doenzas”, sentenciou Pontón.
Dende o BNG consideramos urxente “desconfinar a Atención primaria” e cambiar o modelo da telemedicina que produce máis discriminación na atención sanitaria. Galiza debe ser un “país con perspectiva de xénero” e para iso, precisamos unha estratexia que atenda ás necesidades específicas das mulleres, concluíu.