Ribadeo, a 29 de abril de 2021. Daniel Vega lembra que “quen cuestionou o modelo de xestión da residencia de Ribadeo foi a líder do BNG, Ana Pontón; non Feijóo”. Así o aclara en referencia á carta que o rexedor nacionalista de Ribadeo lle remitiu ao presidente da Xunta e que, polo tanto, cre que “debería ir dirixida a Ana Pontón”.
O popular explica que “o presidente da Xunta en ningún momento criticou o modelo desta residencia”. É máis, indican que “é a líder do BNG -partido que goberna en Ribadeo- a que se opón a este modelo de xestión dos centros da terceira idade”. Neste sentido, lamentan a “hipocrisía do BNG” porque “cando chega a gobernar privatizan os servizos das residencias”.
Os populares defenden o modelo da residencia de Ribadeo e “quen o cuestiona é o BNG. De feito, foi Ana Pontón a que asegurou no Parlamento galego que ningunha empresa privada debería xestionar ningunha residencia en Galicia”.
A prioridade é a atención aos maiores
Vega agradece o traballo das persoas implicadas no coidado dos maiores, “un labor moi importante” e destaca “o esforzo que están a realizar con motivo da pandemia da covid-19”. Nese sentido, asegura que “o prioritario é atender ás persoas maiores o mellor posible e non a titularidade das residencias”.