Ribadeo, 29 de abril de 2021. O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, ven de enviarlle unha carta ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, despois de que este cuestionase no parlamento o funcionamento do Centro de Atención a Persoas Maiores. O rexedor sinala que se trata dun centro de titularidade municipal e de iniciativa e xestión pública directa e que a administración pública está sempre dentro do sistema co seu persoal, vixiando, fiscalizando e mellorando día a día todo o ciclo de xestión dos maiores. Suárez Barcia pídelle axuda para “adaptar á legalidade actual” o Hospital Asilo e así “redimir esa actitude que a Xunta tivo coa outra residencia que agora criticou”.
O alcalde ribadense explicou que “lle enviamos esta carta ao presidente da Xunta vendo que na sesión de control parlamentario de onte a voceira do Bloque, Ana Pontón, demandoulle unha xestión pública das sete residencias previstas para as cidades galegas e, na súa resposta, aproveitou unha vez máis para cuestionar, cun argumento totalmente falaz, o Centro de Atención a Persoas Maiores de Ribadeo que, segundo recollen os medios de comunicación, chegou a dicirlle pouco menos que lle entregáramos a xestión da residencia nada menos que a unha empresa construtora. Eu véxome interpelado polo que lle mando unha carta explicándolle que quizais el debera saber que a residencia de atención a persoas maiores de Ribadeo é un centro de titularidade municipal e de iniciativa e xestión pública directa, que está xestionado a través dun convenio de colaboración entre as únicas dúas administracións que estiveron presentes desde os inicios da loita veciñal por ter este centro en Ribadeo, que foron o Concello e máis a Deputación de Lugo, empregando o seu propio persoal funcionario e laboral esta última”.
O rexedor sinalou que “o único que se pode atopar nesta residencia, como en calquera outra administración, é algún contrato de servizos para certas tarefas como auxiliares, limpeza ou lavandería, e isto o presidente da Xunta debera sabelo porque no seu propio rexistro único de entidades prestadoras de servizos sociais da Consellería de Política Social así o pon claramente. Polo tanto dicirlle, como lle digo, que coa normativa vixente a nivel estatal e autonómico, á hora de crear novos centros residenciais, este método de xestión é de lonxe o mellor no senso de que a administración pública está sempre dentro do sistema, está vixiando co seu persoal in situ, está fiscalizando e mellorando día a día todo o ciclo da xestión dos nosos maiores. Moi ao contrario doutras tipoloxías como as concesións de servizos, concertos, etc…, nos que a Xunta de Galicia nestes últimos anos non é que abuse moito senón que abusa moitísimo, como pode ser o concerto de prazas públicas en centros de xestión privada cen por cen, nos que o funcionamento diario non é controlado pola administración pública”.
Fernando Suárez engadiu que “tamén, na carta que lle envío, confésolle varias debilidades. Digo que desde o Concello tamén tivemos puntos febles na atención ás persoas maiores, onde o presidente da Xunta puido atacar a Ana Pontón poñéndonos como exemplo. Digo isto porque a competencia de orixe en atención aos maiores é exclusiva da Xunta de Galicia, mentres que os Concellos só temos atribuída unha intervención menor e é certo que, excedendo moito a nosa competencia, desafiamos a todos e a todo o sistema e arriscar como arriscamos para construír e xestionar unha residencia como a nova residencia de Ribadeo. Este si que foi un punto feble, onde o presidente da Xunta puido incidir, pero debeu pasar por alto”.
O rexedor seguiu a relatar que “tamén lle confeso na carta que lle mando que temos outra debilidade, que pode que non coñeza aínda que neste caso Ana Pontón non ten a culpa, pero seguro que estará connosco no ánimo de poñerlle solución, e é que se trata da necesidade de adaptar á legalidade actual unha vella residencia, que data de finais do século XIX, e que hoxe é o fogar dunhas corenta persoas maiores, que non é outra cousa que o Hospital Asilo de San Sebastián en San Lázaro. É de titularidade municipal e está rexido desde sempre por unha orde relixiosa, que teño que dicilo que o fai moi ben, pero desde o Concello estamos axudando canto podemos e máis. Pero agora, estamos desde hai un tempo en conversas coa súa conselleira de Política Social porque queremos, dunha vez por todas, afrontar as necesarias obras de adaptación que van ser moi cuantiosas, porque a cifra vai superar o millón e medio de euros, e tivemos a fortuna, nunca mellor dito nestes termos, de que unha persoa ao seu falecemento quixo legar o seu importante patrimonio a este Hospital Asilo. Con todo, esta herdanza non vai chegar nin á metade dos recursos necesarios para esta adaptación e, é aquí, onde o señor Núñez Feijoo e a Xunta de Galicia, teñen unha oportunidade marabillosa para redimir esta actitude cando menos pouco atinada que a Xunta tivo coa residencia que agora está criticando. Convidámolo, polo tanto, a que a Xunta sexa ambiciosa de verdade, exerza as competencias sociais que ten por lei e que colabore activamente co Concello neste bo fin. Eu estou seguro de que a veciñanza de Ribadeo vai valorar moi positivamente que a Xunta retorne á colaboración en materia social que ata agora non tivo. Así que ten agora a posibilidade de non poñer máis paus nas rodas e traballar a reo co Concello para lograr neste mandato a consecución destes nobres obxectivos”.