A MARIÑA .- A Plataforma Sanitaria da Mariña compareceu hoxe nunha rolda de prensa na Casa Sindical de Ribadeo para presentar a manifestación que este colectivo ten pensado celebrar o vindeiro Sábado 26 de Xuño ás 12.00 con saída do Hospital da Costa e remate na praza da Mariña de Burela. Os representantes da Plataforma que anunciaron que o colectivo vai proceder a distribuír a propaganda nos 14 Concellos que conforman a Área Sanitaria da Mariña anunciaron que repartiran máis de 3000 cartaces e case 15000 folletos no que explican a situación que provoca esta manifestación. Neste sentido desde o colectivo fixeron un primeiro chamamento para que a poboación da Comarca participe masivamente desta mobilización e agardan que a mesma sexa unha xornada histórica que obrigue a Xunta de Galiza a modificar unha política sanitaria que sitúa á comarca en segunda división.
A política privatizadora e de centralización de servizos pon en risco o sistema sanitario público e a calidade asistencial na comarca da Mariña
Neste sentido desde a plataforma insistiron na necesidade da mobilización social para paralizar a política privatizadora da sanidade que está a levar adiante o Goberno Galego e que propón un novo modelo de organización do sistema sanitario que pretende centralizar servizos nas grandes cidades. Esta orientación está a provocar xa unha importante merma na calidade asistencial e está a poñer en risco o sistema sanitario público no conxunto da comarca, en vías de desmantelamento e ao borde dun autentico colapso.
Parálise do Plano Estratéxico do Hospital de Burela e recortes no servizo de asistencia primaria
Segundo os representantes da Plataforma, máis alá da palabrería o novo modelo concrétase na centralización dos servizos hospitalarios na cidade de Lugo e xa que logo a perda de servizos e especialidades no Hospital da Costa así como desprazamentos constantes da poboación da Mariña ao Hospital de Lugo para realizar probas e consultas que ate agora realizaban no Hospital de Burela. Asemade a redución do gasto sanitario nas contas públicas provocou que o “Plano Estratéxico do Hospital da Costa” xa aprobado, se quedase sen dotación orzamentaria neste ano, o que imposibilita a ampliación do Hospital da Costa, impide a ampliación do seu catalogo de servizos e prestacións e reduce os seus medios materiais e humanos. Na mesma liña criticaron a paralización do Plano Mellora co que se pretendía aumentar os recursos dos médicos de familia así como delegar neles determinadas funcións que desenvolvían os especialistas. Agás no caso da receita electrónica que se está a introducir con grande lentitude, no caso da Mariña os aspectos que se recollían neste plano seguen sen facerse realidade. Tanto é así que desde a Plataforma ven a atención primaria ao borde do colapso tanto por falta de medios humanos, como pola supresión de servizos que se viñan prestando como pola paralización de servizos que se ían implantar.
Sería bo que a Conselleira de Sanidade dera motivos reais para desconvocar a mobilización do 26 de xuño
Os portavoces da Plataforma afirmaron que non van entrar en polémicas interesadas coas que se pretende desvirtuar o sentido da mobilización e lamentan as declaracións e as posicións de algúns representantes públicos que sitúan diante os intereses partidarios que os intereses dos seus representados. Estas mesmas declaracións públicas o que pretenden é facer posíbel o desmantelamento da sanidade da Mariña e non deixa de ser lamentábel que calen a boca para defender unha mellor atención sanitaria para os seus veciños e non esixan que se solucionen as carencias que se dan nos Centros de Saúde no que algúns deles son alcaldes. Neste sentido desde a Plataforma anunciaron que van seguir a traballar pola mellora da calidade asistencial na Comarca e nese sentido resulta lamentábel que haxa xente na Mariña que tire nunha dirección totalmente oposta, “sería bo que a Consellaría de sanidade nos dera motivos para desconvocar a mobilización e aínda está tempo antes do 26 de Xuño, simplemente garantan a independencia da area sanitaria da Mariña, doten de fondos e executen o Plano estratéxico do Hospital e executen o Plano mellora para atención primaria”, remataron desde a Plataforma.