LUGO .- O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, recibiu este mércores a un grupo de pensionistas e xubilados de UXT Lugo e a outro de solicitantes individuais, dentro de Km0. En total, 168 persoas participan esta semana no programa medioambiental impulsado polo organismo provincial.
Os 48 pensionistas e xubilados de UXT Lugo decantáronse por Negueira de Muñiz. Neste municipio da Montaña visitaron a área recreativa do embalse de Salime e o museo da Fonsagrada. Previamente, coñeceron as instalacións do Centro de Produción de Programas da Fundación TIC. Pola súa banda, os 48 solicitantes individuais viaxaron ata Chantada, pero antes percorreron o Centro de Interpretación Terras do Miño. No municipio do sur da provincia visitaron a Casa da Cultura, o casco histórico, a igrexa de San Salvador de Asma e Brigos, o polígono de radiadores térmicos e o establecemento de produtos típicos da zona.
Finalmente, o xoves 24 membros do “Modelo Respeto C.P. Bonxe”, ademais de visitar o Centro de Interpretación Terras do Miño, elixirán a Mariña como destino da súa ruta. Nesta zona da provincia, coñecerán o centro de cultivos mariños e o casco histórico de Ribadeo. Tamén farán unha travesía marítima pola ría. Asimesmo, 48 integrantes da Asociación de Mulleres de Aldea de Labrada (Guitiriz) visitarán a Fundación TIC e logo desprazaranse ata a Mariña, onde visitarán a Illa Pancha, o castelo de San Damián e o casco histórico.