O Valadouro, 27 de abril de 2021. O voceiro do Grupo Municipal do PP do Valadouro, José Manuel Lamela, desminte ao alcalde socialista que asegurou que o 90% está conforme co plan de tráfico impulsado polo equipo de goberno en Ferreira. “En tal caso, o 90% está en contra” porque “ao contrario que o alcalde, nós non atopamos nin unha soa persoa á que lle pareza completamente ben”, manifesta Lamela.
O Grupo Municipal Popular manifestou no pleno ordinario da corporación do Valadouro celebrado este luns que “este non é o momento para dirixir 50.000 euros” a un novo plan de tráfico. Nese sentido, Lamela quixo aclarar que “non serve de escusa que o alcalde diga que ese diñeiro se debe dirixir a ese proxecto concreto” porque “para recibir os fondos do Plan Único da Deputación o Concello ten que presentar os proxectos correspondentes” e, polo tanto, “puido solicitar apoios para desenvolver calquera outra iniciativa máis proveitosa para os veciños do Valadouro neste momento no que todos afrontamos unha crise derivada da pandemia da covid-19”.
Propostas do PP priorizando a seguridade
O portavoz apuntou que “non estamos en contra do cambio do sentido da circulación, igual que moita xente”. O que si critican os populares son moitas actuacións que prexudican aos veciños e, nese sentido, o Grupo Municipal Popular presentou un rogo no pleno deste luns de cara á corrección dos aspectos sobre os que lles teñen trasladado as súas queixas.
Lamela explicou, por exemplo, que “os sinais verticais son excesivos: hai algúns invadindo a estrada e, incluso, se produciron xa catro accidentes”. Así mesmo, lamentou que “os veciños do barrio de Triana para ir á praza que teñen a 100 metros veranse agora obrigados a dar a volta completa ao pobo”. Nese sentido, trasladou a posibilidade de manter nesa zona o dobre sentido na circulación nun tramo de poucos metros do mesmo xeito que queda na ponte onde tamén hai outra terraza na vía pública”.
O popular destacou o perigo que supón a colocación dun sinal de STOP no medio da estrada que comunica Santa Cruz coa avenida da Veiga e, nese sentido, recordou que “o Concello dispón de terreos na zona dos que se podería dispoñer para construír unha rotonda e facer o cruce máis seguro”.
Con todo, para o voceiro do PP “o máis grave de todo é que, co novo plan, toda a circulación vaia dar á zona do colexio e da residencia de maiores”, unha zona moi concorrida polos nenos e os seus pais e nais que os levan ao centro, maioritariamente, en vehículos particulares facendo que se concentre no lugar un gran volume de tráfico.