Abadín, 23 de abril de 2021. O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado do delegado territorial da Xunta, Javier Arias, e da directora xeral de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, presidiu esta mañá a entrega dos 550 títulos de propiedade da concentración parcelaria de Fanoi, no concello lugués de Abadín, dando así por rematado este proceso.
A parcelaria de Fanoi, na que se investiron 1,8 millóns de euros, comprende unha superficie dunhas 650 hectáreas e beneficia a 250 propietarios, que viron como a superficie media das súas parcelas se multiplicou por catro coa reorganización deste terreo. Isto permitiu ampliar a base territorial das explotacións da zona, o que contribúe a unha diminución nos seus custos de produción. Neste sentido, salientou o conselleiro, pasouse de 2.500 parcelas iniciais a 550 fincas resultantes.
Coa finalización deste proceso, a Xunta conseguiu reorganizar preto de 3.000 hectáreas de superficie neste concello lugués, ao rematar un total de cinco parcelarias, e beneficiar uns 1.200 veciños. “Dende o Goberno galego apostamos e confiamos nestes procesos, pois son unha ferramenta fundamental para paliar o minifundismo presente na nosa comunidade, dende o punto de vista da estrutura da propiedade”, remarcou o conselleiro.
Neste senso, a Xunta destina neste ano 2021 máis de 12 millóns de euros para seguir avanzando nos 96 procesos que a día de hoxe permanecen abertos. De feito, entre os anos 2020 e 2021 entregáronse máis de 9.500 títulos correspondentes a 12 parcelarias que beneficiaron a case 3.750 veciños.
A entrega de hoxe súmase ás xa realizadas este ano nos concellos coruñeses de Touro, Coristanco e O Pino, nos lugueses de Riotorto, Castro de Rei e O Valadouro, e no ourensá de Baltar. Ademais, José González anunciou que nas vindeiras semanas rematarase outro proceso de parcelaria na provincia da Coruña, coa previsión de entregar outros 1.000 títulos de propiedade a algo máis de 400 veciños.
Novos procesos decretados
O titular de Medio Rural lembrou que a Xunta segue decretando novos procesos de reestruturación, fiel ao seu compromiso de declarar novas parcelarias por cada unha que se vaia rematando. Así, José González destacou que se veñen de decretar dous novos procesos no concello de Outeiro de Rei e, proximamente, decretaranse outras tres nos municipios de Friol, Castro de Rei e Ordes. A estes procesos, anunciou o conselleiro, sumaranse no prazo aproximado dun ano outras 23 novas parcelarias en Galicia.
Estas novas concentracións parcelarias -iniciadas ao abeiro da Lei de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia (Metaga)- teñen unha concepción moderna da mellora das estruturas, orientadas a favorecer o desenvolvemento económico das explotacións. Ademais, a través da futura Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, arestora en tramitación no Parlamento galego, seguiranse impulsando estes procesos á vez que se apostará tamén por instrumentos de mobilización voluntarios que permitan unha maior participación dos interesados na explotación das terras, como son os polígonos agroforestais, as agrupacións de xestión conxunta da terra, a iniciativa das aldeas modelo ou as permutas de especial interese agrario, entre outras.
Información xeorreferenciada
Ademais, cabe sinalar que se pon a disposición de todos os interesados a descarga da representación gráfica xeorreferenciada das novas fincas resultantes da concentración parcelaria na páxina web da propia Consellería (https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/concentracions-parcelarias-procesos).
Estes ficheiros descargables, no formato europeo INSPIRE de parcela catastral (GML), poderán ser utilizados para posteriores operacións que necesiten dunha inscrición rexistral. Isto permite dar unha maior seguridade aos datos de ubicación, delimitación e superficie dos predios que sexan obxecto do tráfico xurídico posterior á concentración parcelaria.
Deste xeito, dáse cumprimento ao establecido na Lei Hipotecaria e no texto refundido da Lei do Catastro Inmobiliario, trala súa reforma pola Lei 13/2015, do 24 de xuño, como sistema de coordinación entre o Catastro Inmobiliario e o Rexistro da Propiedade, facilitando a incorporación da descrición gráfica xeorreferenciada.