LUGO .- A Consellería de Traballo e Benestar subvencionará a contratación de 73 socorristas nas praias lucenses durante a campaña de verán. A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, subliñou que o concello de Foz recibirá subvención para a contratación de 10 traballadores, os mesmos que o pasado ano, durante o período máximo de tres meses. Arias considera que precisamente Foz “é un exemplo de que o goberno da Xunta non xestiona pensando nas cores políticas dos concellos, porque neste municipio ten realizado un importante esforzo inversor”.
Nota de Prensa
A XUNTA INCREMENTA O NÚMERO DE CONTRATOS SUBVENCIONADOS PARA POSTOS DE SOCORRISMO NAS PRAIAS DA PROVINCIA DE LUGO
* Todas as praias poderán contar cos profesionais xa contratados coincidindo co inicio da campaña do verán
* A cifra de especialistas que se poderán contratar chega a 73, superando as cifras relativas á costa lucense nos últimos anos
* A delegada territorial, Raquel Arias, rebate ao alcalde de Foz afirmando que “o goberno da Xunta non xestiona pensando nas cores políticas dos concellos”
Lugo, 7 de xuño de 2010.- A Consellería de Traballo e Benestar subvencionará a contratación de 73 socorristas nas praias lucenses durante a campaña de verán do presente ano. O departamento autonómico xa comunicou á maioría dos concellos as subvencións concedidas para que poidan tramitar a contratación dos especialistas.
Estas axudas propiciarán a contratación de 73 persoas desempregadas, unha cifra que supón un incremento de persoal con relación aos dous últimos anos, e que supoñen un investimento de 310.828 euros, semellante á investida nas últimas tempadas.
A Consellería de Traballo e Benestar adoptou esta resolución a semana pasada, en datas similares a exercicios anteriores, e está a comunicar a decisión aos concellos beneficiarios para que poidan realizar a oferta de emprego de inmediato.
Os concellos lucenses que reciben as axudas para este tipo de contratos –que se enmarcan dentro das subvencións dos programas de cooperación- son os de Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Ribadeo, O Vicedo, Viveiro e Xove. Todos eles manteñen ou superan o número de contratos subvencionados na campaña do pasado ano.
Dado o carácter estacionario debida á propia natureza do traballo, os contratos terán unha duración maioritariamente de tres meses, segundo as solicitudes realizadas por cada concello.
O caso de Foz
A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, subliñou que o concello de Foz recibirá subvención para a contratación de 10 traballadores, os mesmos que o pasado ano, durante o período máximo de tres meses.
Arias considera que precisamente Foz “é un exemplo de que o goberno da Xunta non xestiona pensando nas cores políticas dos concellos, porque neste municipio ten realizado un importante esforzo inversor”.
A delegada rexeitou as críticas vertidas polo alcalde da localidade, José María García Rivera, e lembrou que, “en contra do que el insiste en predicar”, o goberno bipartito non comprometera nada con respecto á rede de abastecemento. “Non pasou de ser unha simple pretensión”, asegurou Arias, dado que deixaron que os trámites administrativos caducaran “e foi o actual goberno o que recuperou e reiniciou o proxecto”.
Baixo a dirección de Agustín Hernández, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas retomou a iniciativa, dotouna orzamentariamente e finalmente, o pasado mes de abril, puido adxudicar as obras de mellora da rede de abastecemento de Foz. A Xunta inviste nesta actuación case dous millóns de euros (1.960.000 euros).
A delegada afirma que “este e outros proxectos similares expoñen claramente que a Xunta goberna para todos, e non mira a composición dos gobernos municipais senón as necesidades dos veciños”.