Cervo, a 22 de abril de 2021. Na reunión da mesa multilateral que tivo lugar este xoves, a CIG reiterou como unha necesidade imprescindíbel que a fábrica de aluminio de San Cibrao estea baixo control da SEPI antes do 30 de abril, data na que remata o prazo de negociacións para chegar a un acordo de venda. Por iso, a central nacionalista demandou do goberno español “dilixencia e vontade de comprar, que se ten que manifestar nas accións e actuacións necesarias para materializar a operación” e ao tempo reclamoulle a Alcoa que retire as cláusulas abusivas que pretende impor nas condicións do acordo.
“Que a planta estea en mans públicas é a única maneira de abordar a busca dunha nova propietaria coa garantía de manter a actividade produtiva e todos os postos de traballo”, subliñou o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, quen denunciou a inoperatividade das administracións española e galega incapaces de forzar o acordo con Alcoa.
“Despois dos meses transcorrido teríamos que estar xa ultimando a sinatura dun acordo pero, pola contra, o único que vemos reunión tras reunión é unha falta de avances intolerábel e que dende a nosa central sindical non imos asumir. Resulta inexplicábel esta grave situación, da que responsabilizamos tanto a Alcoa como ás administracións”, aseverou.
Nesta liña, Carril cualificou como unha “burla” esta falta de resolucións, “porque a paz social entregada polos traballadores/as durante as negociacións está chegando ao seu fin sen que se vexa unha solución”. Diante deste bloqueo, a CIG aposta por retomar as mobilizacións coa contundencia precisa para forzar a ambas partes a alcanzar un acordo ou, no seu caso, para que o goberno proceda á intervención pública da fábrica.
“Somos conscientes das dificultades dunha operación deste tipo, mais os traballadores e as traballadoras non merecen vivir nun permanente futuro incerto, nin tampouco a comarca da Mariña e Galiza poden permitirse perder unha industria estratéxica como a produción de aluminio”, aseverou Carril. Lembrou que “esta empresa xa demostrou en numerosas ocasións que non ía facilitar a venda, razón de máis para que os gobernos adopten as medidas necesarias para rachar co xogo de Alcoa e colocar o proceso nun punto máis próximo ao acordo”.
Alcoa impón cláusulas que non estaban no anterior proceso de venda
No decurso da xuntanza, o secretario xeral da CIG acusou a Alcoa de estar gañando tempo na espera de que se resolva o recurso contra a sentenza do ERE, afondar no deterioro das instalacións e cansar o grupo comprador (ao que dende un primeiro momento a multinacional puxo en cuestión), polo que lle pediu ao presidente de Alcoa España, Álvaro Dorado, que retire as cláusulas recollidas no term sheet (como a garantía de indemnidade total) que non aparecían no anterior proceso de venda e que dificultan a negociación coa SEPI. “Pedímoslle a Alcoa que se limite a pór as cláusulas propias deste tipo de operación mercantil, non condicións abusivas para volver frustrar a venda”, subliñou.
De igual xeito, Carril esixiu da multinacional que presente no inmediato un calendario para a plena operatividade da fábrica de aluminio, atendendo á falta de mantemento, ao deterioro das cubas e á perda de posicionamento no mercado.
Sobre a posíbel existencia doutras empresas interesadas en adquirir a planta, a CIG manifestou que non está disposta a dar “carta branca” á entrada doutras compañías das que non se ten ningún tipo de información, menos aínda co precedente do acontecido nas fábricas da Coruña e Avilés.