Ribadeo, 21 de abril de 2021. A Consellería de Cultura, Educación e Universidade publica hoxe a licitación do contrato de obras para a rehabilitación integral do Centro de Educación Infantil e Primaria (CEIP) Gregorio Sanz de Ribadeo, ao que destina un orzamento de 1.005.000 euros.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou hoxe o colexio para explicar á comunidade educativa o proxecto, que suporá “unha profunda reforma para mellorar a estética, o confort e a eficiencia enerxética”, segundo apuntou. Lembrou ademais que esta actuación levarase a cabo seguindo as directrices do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta da administración para un modelo de escolas que dean resposta ás necesidades educativas, sanitarias e tecnolóxicas do futuro e que suporá un investimento de 191 millóns de euros.
As obras reportarán un aforro anual do 44% tanto no consumo enerxético final como en emisións contaminantes á atmosfera. En concreto, no que se refire ao gasto en calefacción prevese un aforro de máis do 62%.
Para elo, a intervención incluirá o illamento de fachadas e cuberta, redución de pontes térmicas, substitución da carpintería exterior e vidros, e reforma da iluminación, entre outras medidas.
As empresas interesadas teñen de prazo ata o día 12 de maio para presentar as súas ofertas. As obras terán unha duración de sete meses e, na medida do posible, compatibilizaranse co normal desenvolvemento das clases, aínda que se aproveitarían os períodos de vacacións se fora imprescindible para acometer algúns traballos.
Ademais das actuacións encamiñadas a mellorar a eficiencia enerxética, o proxecto contempla tamén outras reformas nas instalacións. Así, vanse reparar e pintar as paredes interiores e abrillantaranse os pavimentos. Colocarase falso teito en aseos e cociñas, e falso teito acústico en aulas, biblioteca e comedor. Cambiará a colocación da cheminea de evacuación de gases da caldeira de auga quente da cociña e repararase a estrutura metálica dos porches en mal estado.
Eficiencia enerxética
A intervención de rehabilitación enerxética contempla a substitución de ventás, mellorando o illamento e reducindo a permeabilidade do aire. Instalarase carpintería de aluminio con rotura de ponte térmica e vidros de dobre acristalamento, baixo emisivos, acústicos e de seguridade; tamén se substituirán as caixas de persianas e capialzados.
Procederase a instalar illamento térmico polo exterior (sistema SATE) na fachada, así como illamento na cuberta -sobre forxado e baixo forxado-, e colocarase un canlón de maior capacidade para evitar filtracións de auga.
Igualmente, vanse cambiar as luminarias por outras de tipo LED, con regulación lumínica e detectores de presencia nas zonas comúns.
Arias subliñou que a Xunta “inviste na modernización dos centros educativos para garantir un ensino público de calidade nunhas instalacións modernas, confortables e respectuosas dende unha perspectiva ambiental”.