LUGO .- Pode verse no Museo de Lugo á exposición “O Castro da Atalaia, unha mostra excepcional do noso Patrimonio”, iniciativa da asociación MariñaPatrimonio que conta co patrocinio da Área de Cultura e Deporte da Deputación de Lugo e coa colaboración do Museo Provincial de Lugo, da asociación LugoPatrimonio e de ADEGA. Segundo a Comisión Provincial de Patrimonio, reunida o pasado 27 de maio, emitiu ditame de acordo ao cal a importancia histórica e patrimonial do xacemento confírenlle un especial valor para coñecer a historia do lugar, que supón un gran recurso tanto cultural como turístico para San Cibrao e para toda a Mariña, polo que recomendan a conservación in situ do mesmo.
Nota de Prensa
ANTONIO VEIGA ASISTIU Á INAUGURACIÓN DA EXPOSICIÓN SOBRE O CASTRO DA ATALAIA, DE MARIÑAPATRIMONIO
A exposición “O Castro da Atalaia, unha mostra excepcional do noso Patrimonio” trata de chamar a atención sobre a situación deste xacemento, ameazado por unha actuación urbanística
Novos informes da Comisión Provincial de Patrimonio avalan a intención da Dirección Xeral de Patrimonio do anterior goberno galego de conservar o xacemento in situ, dada a súa importancia cultural e turística
LUGO, 07 de xuño de 2010. O delegado de Cultura da Deputación de Lugo, o nacionalista Antonio Veiga, asistiu hoxe no Museo de Lugo á inauguración da exposición “O Castro da Atalaia, unha mostra excepcional do noso Patrimonio”. A mostra, que é un traballo de MariñaPatrimonio e conta co patrocinio da Área de Cultura e Deporte da Deputación de Lugo e coa colaboración do Museo Provincial de Lugo, da asociación LugoPatrimonio e de ADEGA, permanecerá aberta até o día 21 de xuño no Refectorio do Museo.
A intención de Mariña Patrimonio ao organizar esta actividade era chamar a atención sobre a vergoñenta situación na que se atopa este importante xacemento castrexo de San Cibrao. O Castro da Atalaia está ameazado por unha actuación urbanística que nunca se debeu iniciar, e que proxecta a construción de dous edificios de 32 e 26 vivendas no xacemento. Novos informes avalan a que era a intención da Dirección Xeral de Patrimonio do anterior goberno galego: a Comisión Provincial de Patrimonio, reunida o pasado 27 de maio, emitiu ditame de acordo ao cal a importancia histórica e patrimonial do xacemento confírenlle un especial valor para coñecer a historia do lugar, que supón un gran recurso tanto cultural como turístico para San Cibrao e para toda a Mariña, polo que recomendan a conservación in situ do mesmo.
Esta conservación é incompatíbel cos dous proxectos arquitectónicos con licenza municipal para a zona que prevía a construción das 58 vivendas. Agárdase agora unha resolución definitiva que preserve o xacemento, para o que será necesario que se corrixan os erros antes cometidos, utilizando os medios que correspondan, neste caso achegar posturas para acadar acordos que preserven e poñan en valor o xacemento. A administración do Estado tamén debe cooperar, ao igual que o está a facer noutros puntos, para recuperar o Castro da Atalaia en terreos que son da súa competencia.