Viveiro, 14 de abril de 2021. O goberno municipal de Viveiro conseguiu que, pese ao voto en contra do PP, o pleno dera o visto bo ao novo regulamento da corporación municipal. Co curtopracismo que caracteriza a xestión da alcaldesa, María Loureiro, e ao seu equipo, deseñaron un regulamento cuxo fin principal parece ser, en opinión dos concelleiros populares, o de intentar frear o traballo do PP, que é o grupo maioritario da oposición. E iso sen considerar sequera que os propios socialistas terán que sufrir esta normativa no próximo mandato, se non é modificado, e se, como é moi probable, están na oposición. O portavoz popular, Óscar Rodríguez, sinala que o novo regulamento non foi consensuado e que as alegacións presentadas polo PP foron rexeitadas sen debate. A normativa reflicte claramente, di Rodríguez, a mentalidade escasamente democrática de quen o promoveu e o pouco interese que ten o goberno local en que se escoite no pleno da corporación a voz dos veciños de Viveiro. Avisa á alcaldesa: “Se pensa que co novo regulamento da corporación vai frear o noso traballo, está moi equivocada; non vai impedir que sexamos a voz dos veciños nos plenos”
O portavoz popular, Óscar Rodríguez, destaca a importancia do pleno como foro de debate dos asuntos municipais, “que debe reflectir o traballo do goberno e da oposición”. Sospeita que, precisamente por elo, aos socialistas non lles interesa que se escoite a voz do PP no pleno, ou polo menos intentan que se escoite o menos posible. Rodríguez dixo na recente sesión plenaria que “dá a sensación de que o único que queren é que os plenos sexan curtos e que para iso se lles ocorreu a idea de limitar o número de iniciativas que pode presentar o PP de Viveiro e fano ao máis rancio estilo bolivariano; isto molesta, isto se elimina”.
O portavoz popular di que “os veciños de Viveiro teñen que saber que con este regulamento tanto o BNG como Por Viveiro terán o mesmo límite de iniciativas que o PP, que ten cinco concelleiros; a partir de agora, no pleno nós teremos a mesma opción dunha moción e tres preguntas como calquera outro dos outros tres partidos con moitos menos concelleiros”. Engade: “Nós queremos traballar, queremos aportar iniciativas, queremos defender as iniciativas dos cidadáns: se pensan que deste xeito nos impedirán facelo, xa lles dicimos que non o lograrán; teremos que estimular o noso enxeño para ser escoitados”.
Rodríguez avisa aos socialistas de que, “en política, todo é cíclico e hai moitas posibilidades de que este regulamento se volva contra vostedes, pero iso é cousa súa”. Engade: “Nós, por moitas limitacións e dificultades que nos poñan, seguiremos na nosa liña de traballo, facéndonos eco das preocupacións dos veciños, aportando solucións aos problemas e traballando polo progreso de Viveiro”.