Lugo, 13 de abril de 2021. A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, destacou hoxe que o Executivo segue a cumprir os seus compromisos con Lugo e avanza na procura de solucións que permitan manter operativa a A-8 no Fiouco, a pesar da néboa, en condicións de seguridade para os condutores e explicou que para logralo ten en marcha investimentos que superan os 6 millóns de euros.
Isabel Rodríguez lembrou que hai unhas semanas a DXT adxudicou a instalación de novas balizas detectoras da néboa e agora o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana dá un novo paso no proxecto que ten en marcha e comeza a fase de construción e experimentación de 2 dos 4 prototipos de solucións innovadoras de eliminación da néboa que foron seleccionados dentro do procedemento de Compra Pública Precomercial.
A subdelegada indicou que comeza a experimentación de dous sistemas que actúan para dispersar a néboa, un deles mediante aspersores e o outro un sistema que combina barreiras estáticas e dinámicas que empregan dispositivos fluídos-mecánicos. E o Ministerio ten previsto ter en probas para o verán, tamén, os 2 prototipos pendentes.
Rodríguez sinalou que esta fase experimental desenvolverase nun treito situado carón da autovía, onde tamén están en estudo xa outros dous prototipos, estes de axuda á condución.
O investimento que está a facer o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, ascende a 5,64 millóns de euros e a DXT adxudicou en case 900.000 euros a instalación de novas balizas que permitirán diminuír de 40 a 30 metros a distancia de visibilidade na que se corta o tráfico, co que se prevé gañar un 75% de efectividade da autovía.