Mentres na parte baixa da táboa de riqueza, que engloba á maioría de poboación, os cobadazos desesperados son por non baixar na fortuna (léase ‘non gañar menos’ ca antes, non que o veciño, e menos aínda usando o termo ‘fortuna’, que soa algo raro a estes niveis) nun maremagnum económico inducido en parte pola pandemia, na parte alta as cousas son diferentes. Así, a nova de hai uns días foi que Amancio Ortega incrementou a súa fortuna no 2020, primeiro ano de pandemia, ‘só’ en 18 560 millóns de euros, ata 65 254 millóns (cousa dun 33 % nun ano, non está mal!). ‘Só’, porque iso non impediu que baixara cinco lugares na clasificación de afortunados, é dicir, das maiores fortunas do mundo. E é que nas alturas, a loita non é por manterse -literalmente- senón por destacarse gañando máis. O probe de Amancio baixou do posto sexto ó undécimo. Xa non ten nin medalla de consolación nas olimpíadas dos cartos. De feito, o primeiro nesa lista este ano ten case tres veces o que o noso probe Amancio.
Iso é o que pasa nos primeiros postos. Pasa igual máis abaixo, onde podemos estar ti ou eu (aínda que teñas, poñamos, 20 000 € máis no banco ca min!)?
Vale. Imaxinas que a túa fortuna aumentara o ano pasado o 33 %? Sexa porque aumentou o capital, ou porque aumentou o que percibes de soldo ou as ganancias como autónomo, por pór tres exemplos, poderías seguramente pasar a nivel mundial na ‘lista de Amancio’, dun posto como o 1 333 578 643 a outro como o 927 888 014, ou menor aínda… centeas de millóns de postos avanzados, en troques de baixar cinco postos! E iso, por considerar un termo numérico máis ou menos razoable para España. Se trasladamos os números á India (e non é nin moito menos o máis baixo), as cifras ‘razoables’ aumentarían nos dous casos: posto inicial, e posto final… pero sobre todo neste último, a variación sería maior.
E unha aclaración: por que digo ó comezo que é a parte baixa da táboa de riqueza a que engloba a maioría da poboación? Volvamos de novo a ficción. Supoñamos que tes 65 000 € aforrados (non está mal, digo!). Pois un Amancio Ortega faría por un millón (si, 1 000 000) de persoas coma ti. En canto a aforros, claro, pois non podería vivir ese millón de vidas, ao menos ata o de agora. Non teño tan claro se esa diferencia, ou diferencias semellantes, se darían asemade noutros campos. Por exemplo, podería valer o voto de Amancio 1 000 000 de votos coma o teu? Si, vale, xa sei, na urna non. Pero eu digo, na realidade…