Santiago de Compostela, 9 de abril 2021. O BNG defendeu no Parlamento galego unha iniciativa para instar ao Goberno central a desenvolver os cambios oportunos en materia de regulación bancaria para poñer freo ás consecuencias do aumento da concentración no sector, do incumprimento das normas de competencia e do agravamento da exclusión financeira. A proposición non de lei nacionalista ten como obxectivo dar resposta á escalada de abusos bancarios polas restricións de servizos, o pacto de horarios para limitar os servizos de caixa, o incremento de comisións e a redución drástica de oficinas e persoal.
O deputado Mon Fernández tamén propuxo que a Xunta desenvolva as súas competencias exclusivas en materia de consumo impulsando, ao abeiro do Instituto Galego de Consumo (IGC), campañas colectivas de reclamacións bancarias, información ás persoas consumidoras e estudios propios sobre vulneración dos seus dereitos.
Fernández referiuse ao “clamor social” contra os abusos bancarios e á necesidade de facilitar unha resposta a unha situación que, segundo recalcou, ten a súa razón de ser no proceso de concentración bancaria que da lugar a unha posición dominante no mercado no que as distintas entidades “poden permitirse cometer todo tipo de abusos cos seus clientes”.
O deputado nacionalista avogou por abordar dende as Administracións Públicas un debate que inevitablemente pasa polo exercicio das competencias galegas por parte da Xunta en materia de comercio e competencia e por unha regulación a nivel estatal que poña freo a estas malas prácticas financeiras.
Deste xeito, apelou ademais á especial sensibilidade e exixencia que debe manter o Executivo galego en relación ás necesidades da atención presencial da cidadanía, “porque, do contrario, os efectos combinados da concentración e da dixitalización dos servizos bancarios desembocarán non só no deterioro e no encarecemento dos servizos, senón tamén na prestación da totalidade destes servizos a distancia”, subliñou para a continuación recalcar “e en Galiza sabemos perfectamente que isto equivale a dicir, desde Madrid”.
Así aludiu tamén á perda de emprego “importantísimo” no país, tanto por volume como por tipoloxía e, polo tanto, á necesidade de que a Xunta xogue un papel activo para garantir a permanencia destes servizos no país e, aínda que non era o obxectivo da iniciativa defendida hoxe en comisión parlamentaria, recordou a proposta de BNG para a creación dunha banca pública galega que permita garantir emprego, calidade dos servizos e prezos competitivos e coñecemento da realidade.
Neste sentido, na iniciativa nacionalista, que foi rexeitada polo resto de grupos da cámara, tamén se reclamaba o apoio do Parlamento ás reivindicacións dos e das traballadoras da banca en defensa dos postos de traballo e do mantemento dos servizos financeiros básicos no territorio galego.