A Mariña, 9 de abril de 2021. O Partido Popular ratifica a súa defensa do sector pesqueiro galego no proceso de revisión do sistema de control da pesca da Unión Europea, así como dos intereses pesqueiros no contexto do Pacto Verde e a Estratexia de Biodiversidade da UE para 2030, que tamén contén visións que esquecen a dimensión social e económica da pesca.
Deste xeito, con este obxectivo se aprobou esta mesma semana a proposición non de lei do Grupo do PP, a través da que se demanda ao Goberno de España que leve a cabo as actuacións oportunas de rexeitamento a dunha nota explicativa na que a Comisión Europea lle pide aos eurodeputados que tomen partido por unha liña plenamente ambientalista, xa que o contido atenta contra a imaxe e traballo do sector do mar e a de todas as persoas profesionais que nel traballan.
O presidente da Comisión de Pesca e deputado mariñao, José Manuel Balseiro Oro, manifesta que “imos a seguir traballando na defensa dun regulamento de control acaído para a flota galega, especialmente a de artes menores, xa que os pescadores galegos e os da Mariña, en particular, se senten culpabilizados sen razón”.
“Cuestións moi positivas acadadas polo PP”
A este respecto, Balseiro lembra que o Partido Popular foi a única formación que recolleu integramente as emendas formuladas polo Consello Galego de Pesca en 2018, e que esta formación votou a favor da definición multiparámetro da frota de baixura e dos lotes en favor da conserva galega. Asemade, indica, “o PP acadou cuestións moi positivas” como un período de transición maior para a aplicación das novas normas; a recuperación do plan de mostraxe de pesaxe e a marxe de tolerancia na estimación de pesaxe; a eliminación das capturas estimadas no caderno diario de pesca á finalización do día para os barcos de menos de 12 metros e non tras cada lance ou operación de pesca e que o envío do diario de pesca, no caso dos de baixura, poida facerse unha vez se estea atracado en porto e non antes de entrar como quería a Comisión.
Balseiro tamén lembrou que o PP votou en contra de incluír novas medidas coma a xeolocalización dos buques da frota costeira artesanal, a obriga de cumprimentar un diario electrónico de pesca para esta frota ou a instalación de cámaras de TV a bordo dos buques para a vixilancia das súas actividades pesqueiras, cuestións nas que tanto o grupo no que se integra o BNG coma o PSOE votaron a favor ou se abstiveron.
Por último, o deputado mariñao lembrou que “para facer cambios en positivo e en favor da nosa frota é necesario facer emendas e defendelas, e o BNG, a través dos eurodeputados cos que foi en coalición electoral, non fixo nin a primeira e incluso o seu grupo foi máis alá e votou en contra porque quería un regulamento moito máis restritivo e duro nas normas de control da actividade pesqueira”.