Santiago de Compostela, 8 de abril, 2021. A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, vén de asinar o contrato para a execución do servizo de redacción de estudos previos ambientais e técnicos para obras de dragaxe en máis dunha trintena de peiraos de titularidade autonómica. O Consello da Xunta analizou hoxe un informe que recolle a contratación deste servizo por dous anos, prorrogables ata tres, por un importe inicial de 1,3 millóns de euros, o que permitirá avanzar e axilizar a tramitación destas actuacións no momento en que sexa posible poñelas en marcha.
Esta contratación pretende dar resposta á problemática recorrente da complexidade na tramitación previa das obras de dragaxe pois acostuma a dilatarse no tempo en grande medida e, en moitos casos, durante anos. Os estudos contratados neste servizo permitirán ter completada a tramitación previa para poder proceder á contratación das obras no momento en que se estime oportuno e viable tanto técnica como economicamente.
Os portos para os que se realizarán os estudos serán os de Ares, Barallobre, Burela, Cariño,
Cedeira, Espasante, Foz, O Barqueiro, Ortigueira, Ribadeo, A Pobra do Caramiñal, Camariñas, Camelle, Corcubión, Escarabote, Fisterra, Malpica, Miño, Palmeira, Pontedeume, Portosín, Rianxo, Sada, Testal, Aguete, Arcade, Cesantes, Meloxo, Pontevedra, Santo Tomé e Tragove. Esta relación pode ser ampliada segundo as necesidades posteriores.
Xunto coas 31 actuacións previstas neste contrato, o ente público vén de tramitar tamén nos últimos meses un total de oito actuacións máis de dragaxe por importe de 5,5 millóns de euros. Ademais, nestes momentos están xa en tramitación previa as propostas de dragaxe das dársenas comerciais dos portos de Ribadeo e Cariño, cun orzamento estimado de 5,5 millóns, co que o ente dependente da Consellería do Mar ten comprometido un orzamento de máis de 12 millóns de euros en distintas actuacións relacionadas coas dragaxes dos portos autonómicos.
Estes trámites mostran o compromiso de Portos de Galicia co avance na busca dun mecanismo áxil e eficiente para atallar unha problemática inherente á dinámica litoral e que supón un dos principais escollos da operativa portuaria. Con eles aspírase a lograr unha maior axilidade na tramitación dos traballos unha vez que poidan levarse a cabo.