Santiago de Compostela, 6 abril de 2021. O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, pediu hoxe a Alcoa e ao Goberno que dean a máxima axilidade posible ás negociacións en curso para pechar canto antes un acordo de venda da planta de San Cibrao. Así o manifestou logo de participar nunha reunión telemática co Executivo central, o comité de empresa e os sindicatos que, segundo dixo, concluíu “sen avances”.
“Trasladamos ao Goberno a necesidade de dotar de axilidade este proceso de negociacións e de que haxa un compromiso de transparencia por parte de Alcoa e da Sepi para concretar un acordo de venda e trasladar certeza aos traballadores antes do 30 de abril”, que é cando finaliza o prazo establecido, asegurou Conde.
O vicepresidente económico apuntou que tanto Alcoa como o Goberno —a través da Sepi— teñen que pechar o antes posible un acordo de compra-venda que certifique a viabilidade da planta de San Cibrao. Un acordo no que os traballadores e todo o sector teñen depositadas moitas esperanzas porque é vital para unha industria estratéxica en Galicia e en España; para moitas empresas que dependen da única planta que actualmente produce aluminio primario no noso país; e para toda a comarca da Mariña, que ten nesta factoría o seu pulmón industrial.
Neste contexto, apelou ao diálogo e ao entendemento, e a traballar de forma conxunta para que a operación de venda da planta da Mariña conclúa coa mellor das noticias.