Lugo, 31 de marzo de 2021. A Xunta de Galicia vén de levar a cabo unha campaña de inspección de 18 pontes e viadutos correspondentes a seis estradas da rede autonómica de dez concellos da provincia de Lugo.
O delegado territorial, Javier Arias, explicou que esta actuación enmárcase no Programa de inspección de pontes e obras de paso nas estradas autonómicas, un programa pioneiro co que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén realizando controis e inspeccións periódicos sobre o estado destas infraestruturas de cara a previr posibles deterioros e garantir o bo estado de conservación.
Os controis realízanse coa axuda dun camión especial que permite comprobar a parte inferior do taboleiro e os apoios da estrutura -estribos e piares-. Os traballos foron adxudicados á empresa de enxeñería especializada K2-Applus.
As inspeccións desenvolvéronse durante a segunda quincena de marzo, en todos os casos sobre estruturas con luces iguais ou superiores a tres metros. En concreto, comezaron o día 15 na estrada LU-633, nas pontes sobre o río Barrela e sobre o encoro do Miño en Portomarín. Nesta estrada tamén se controlou un paso en San Martiño (Samos).
No corredor CG-2.2, entre Nadela e Monforte de Lemos, analizáronse oito infraestruturas, ao seu paso por Bóveda, O Incio e Sarria. Neste último concello tamén figura a ponte sobre o río Sarria na LU-536 , e finalmente na LU-533 inclúese o viaduto que une os municipios de Chantada e O Saviñao.
No que respecta á zona norte, inspeccionáronse catro viadutos do corredor da Costa, CG-2., (San Cibrao-Celeiro), todos eles no concello de Xove, así como a ponte sobre o río Xestosa que conecta Ourol e Muras na LU-540.