Santiago de Compostela, 30 de marzo, 2021. O deputado en materia de Infraestruturas e Medio Ambiente do BNG, Luís Bará denuncia a “pinza do PP e ENCE contra a democracia e a operación tenaza contra o concello de Pontevedra con mentiras, chantaxes e prácticas mafiosas”. Utilizan as empresas do complexo mar industria como “escudo humano na súa guerra contra as institucións democráticas, afirma o nacionalista.
O BNG defende os intereses do complexo Mar-industria alimentario
Bará reproba que PP e ENCE segan na senda das “mentiras, manipulación e falsidade” utilizando aos medios públicos para enganar e confundir. Neste sentido, volveu a reiterar que o BNG deixou clara a súa posición sobre o artigo 18 da Lei de Cambio climático, “despois de decaer a emenda de supresión propuxo unha transacción para salvagardar os intereses das empresas galegas do sector do mar-industria alimentario”. Estes intereses, recalcou o nacionalista, nada teñen que ver cos intereses de ENCE. O PP tenta pasar “un dromedario polo ollo dunha agulla” e respecto a ENCE non está amparada pola Lei de Costas, só ten o amparo, das “portas xiratorias e tráfico de influencias”. O PP e a Xunta, subliña o deputado do BNG, teñen que deixar de defender os intereses de ENCE e a Xunta, pola súa parte deixar de “facer oposición da oposición” e actuar como goberno exercendo as súas competencias en materia de industria, ordenación do territorio e Medio Ambiente.
Mesa de negociación para trasladar ENCE fóra da ría de Pontevedra
“A Xunta debe convocar ao goberno do Estado, empresa e as forzas sindicais para negociar o traslado de ENCE fóra da ría de Pontevedra e impulsar un novo proxecto industrial que peche o ciclo. Urxe recuperar a ría de Pontevedra e crear centos de postos de traballo”, concluíu.