O Vicedo, 30 de marzo, 2021. Galerna (RAG) é un vento moi forte de entre oeste e noreste que ocasiona fortes temporais na costa do Cantábrico.
O 12 de xullo do 2021 cúmprense 60 anos dunha traxedia que asolou a nosa comarca e moitos outros pobos mariñeiros do litoral cantábrico.
A frota boniteira metida de cheo en campaña, atopouse no medio dun temporal inesperado e dunha dureza extraordinaria e mortal. Ao longo de case tres días, barcos e homes loitaron por sobrevivir. Algúns conseguírono. Outros non.
Oitenta e tres homes perderon a vida e os que conseguiron volver gardan un recordo inesquecible daqueles días nos que “houbo que agarrarse á vida por un pelo”.
Este documental é unha pequena homenaxe a toda esa xente, familiares e veciñanza que dun xeito u outro viron afectadas as súas vidas.
Grazas ás aportacións de Hixinio, e ás testemuñas de Pepe, Cándido e Darito, mariñeiros sobrevivintes da nosa comarca, témola fortuna de compartires as súas lembranzas que nos axudan a entender un pouco mellor a dureza da vida no mar e a forza devastadora cando os elementos da natureza estoupan, como acontece cando en cando, e o ser humano se atopa no seu devir loitando polo seu destino.
O documental está producido pola asociación Nordés e realizado por Pinancho Audiovisuais. Colaboran o Concello do Vicedo e Cuarzos Industriales S.A.