Trabada, a 24 de marzo de 2021. O portavoz do PP de Trabada, José María Fernández, destacou que “o plan básico municipal, xunto cos mecanismos que se poidan poñer en marcha ao amparo da Lei de recuperación de terras agrarias de Galicia, son instrumentos para seguir posicionando ao noso municipio como referente no eido forestal”.
Así o manifestaba o popular tras asistir, xunto á concelleira popular Juana Rodríguez, ao acto no que a directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo da Xunta de Galicia, Encarnación Rivas, notificaba ao Concello a sinatura da orde de aprobación inicial do Plan Básico Municipal de Trabada que se converte no terceiro da provincia e quinto de Galicia en superar este trámite.
O popular pon en valor “este novo instrumento de ordenación en materia urbanística, previsto na Lei do solo de 2016, do que se dota ao municipio e que clasifica como solo urbano o núcleo de Trabada que ostenta a capitalidade municipal e, ademais, é o máis poboado”. O plan aprobado hoxe inicialmente delimita 53 núcleos rurais dun total de 133 asentamentos de poboación identificados polo Plan Básico Autonómico, polo que 73 destes asentamentos quedan en solo rústico ao non preverse o seu crecemento, primando a rehabilitación das edificacións existentes. Tamén recolle as dotacións existentes no termo municipal e, ademais, identifica e cataloga os elementos do patrimonio cultural e natural de Trabada.
O voceiro do Partido Popular lembra que “a Xunta colaborou técnica e economicamente co Concello para a elaboración deste instrumento urbanístico básico pensado para os concellos de menos de 5.000 habitantes que non contan con planeamento xeral”. O plan básico permite desenvolver certa actividade urbanística sen establecer criterios de crecemento urbano; xa que ante unha maior complexidade se aconsella a formulación dun plan xeral de ordenación municipal.
Fernández sinala que “a ordenación do territorio é fundamental para o desenvolvemento do municipio de forma responsable” e subliña que, ao mesmo tempo, protexe a paisaxe.
Ordenación do territorio agrario
A paisaxe tamén se define polo uso da terra agraria e, nese sentido, a Lei de recuperación fomentará e impulsará a ordenación do territorio agrario. A súa finalidade é a recuperación das terras agrarias de Galicia para uso agrícola, gandeiro e forestal e, deste xeito, contribuirá a facer fronte ao reto demográfico ao permitir a recuperación de asentamentos poboacionais e ao fomentar iniciativas de emprendemento agrogandeiro e forestal.