LUGO .- Artesáns de Europa celebran o decimo quinto aniversario do CENTRAD nun encontro que reivindica a innovación da artesanía. Artesáns de Galicia, Andalucía e Finlandia expoñen chamativas pezas feitas con cobre, lana, plástico, papel, ou cables, e que combinan tradición e deseño.
Nota de Prensa
Artesáns de Europa celebran o 15º aniversario do CENTRAD nun encontro que reivindica a innovación da artesanía
– O contorno do Centro de Cestería do Río Rato acolle a recoñecidos profesionais dende hoxe e ata o domingo nos III Encontros Internacionais de Cestería
– Artesáns de Galicia, Andalucía e Finlandia expoñen chamativas pezas feitas con cobre, lana, plástico, papel, ou cables, e que combinan tradición e deseño
– Lara Méndez subliña que “con estes encontros queremos amosar que a cestería é unha arte que avanza e ten moitas posibilidades no mercado laboral”
A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, inaugurou este xoves os III Encontros Internacionais de Cestería que, dende hoxe e ata o domingo, terán lugar no contorno do Centro de Cestería do Río Rato. Trátase dun acontecemento que conmemora o 15º aniversario do CENTRAD, e no que están a participar recoñecidos artesáns de Galicia, Andalucía e Finlandia. Lara Méndez subliñou que “con estes encontros queremos amosar que a cestería é tradición, deseño e, en definitiva, é unha arte que avanza e ten moitas posibilidades no mercado laboral”.
A responsable da área de Promoción Económica e de Emprego destacou que “esta é unha reivindicación que vimos facendo dende o CENTRAD onde dende hai anos traballamos para impulsar unha labor que nos identifica, e que forma parte da nosa esencia”. Neste senso, salientou que estes encontros servirán para seguir potenciando a artesanía, e para promocionar a provincia no exterior.
Exposicións
O Centro de Artesanía e Deseño, dependente da Deputación, situou nesta zona da capital varias carpas divididas por rexións onde os propios artesáns ofrecerán demostracións, cursos, e conferencias.
Nun destes espazos Finlandia, país convidado, sorprenderá ós participantes con mostras que rompen coa tradición para dar paso o deseño. Deste xeito, as finlandesas Anelma Savolainen e Anna-María Väätäinen, coñecidas profesionais logo de investigar e recuperar técnicas artesanais no seu país, presentan pezas con innovadoras formas e tamaños, feitas con materiais que nunca se empregaran como cobre, papel, plástico, e mesmo cables.
Da mesma forma, o país nórdico tamén comparte a pura tradición mediante os traballos de Pertti Junninen e Simo Lappi, artesáns que expoñen pezas de madeira na súa maioría, e con uso cotián.
Na carpa da comunidade convidada, Andalucía, a innovación tamén estará presente mediante traballos con moita cor para os que se empregaron materiais reciclables. Os artesáns participantes son: Antonio Rodríguez, destacado profesional polos seus traballos de palmito; Enrique Blanco, artista que realiza particulares alfombras de esparto chamadas ubedíes; Francisco López, artesán que sobresale na cestería de cana; e Manuel Llores, cesteiro que mantén viva a tradición do esparto no seu lugar de orixe.
Carpa de Galicia
Preto de 20 artesáns galegos achegan as particularidades da cestería nas distintas zonas da Comunidade. Deste xeito, poderanse ver os sombreiros de Noia; as nasas das Rías Baixas – pezas empregadas para a pesca -, os paxes da Marina – cestos con forma cóncava -, ou os megos do Courel – pezas cunha só asa empregadas para recoller castañas -.
O CENTRAD expón unha mostra dunhas 50 exclusivas pezas que a Deputación logrou recuperar. É o caso das patelas, recipientes baixos e anchos onde se expón o peixe sen que este se acumule, ou as corozas, pezas de palla de centeo ou xuncos que serven para protexerse da choiva.