BURELA (FNC) .- A residencia de maiores de Burela acolleu hoxe un obradoiro de produtos de apoio para esas persoas. A edil de Benestar Social, Neves Cando, agarda que sirva para a mellora da súa calidade de vida.
A concelleira nacionalista sinalou que “dentro dos talleres de benestar que se están levando a cabo por parte da Delegación de Benestar Social do Concello de Burela hoxe tivo lugar a segunda das actividades do taller de envellecemento saudable. Trátase dun obradoiro de productos de apoio para as persoas maiores, que constitúen un conxunto de aparellos deseñados especialmente para previr, compensar e neutralizar deficiencias ou limitacións sensoriais, motoras, cognitivas e de orientación das persoas maiores”.
Neves Cando explicou que “o obxectivo desta actividade é difundir a existencia destes productos e amosar cómo poden axudar a superar moitas das dificultades para o desenvolvemento da vida cotiá das persoas que padecen algún tipo de discapacidade. Repartíuse igualmente unha guía de productos de apoio, que non persegue ser exhaustiva na recopilación destes productos, senón que pretende ser unha axuda para as persoas con algunha discapacidade, tamén para os seus coidadores, para os profesionais do sector e para a poboación en xeral, de xeito que permita comprender que existen productos indicados para prácticamente calquera tipo de discapacidade, ao tempo que difunde e normaliza a existencia e o uso destes productos que ao fin e ao cabo todos necesitamos e utilizamos”.
A responsable de Benestar Social en Burela manifestou que “hoxe se mostraron productos para a mobilidade persoal como muletas, sillas de rodas; manipulación de productos e bens desde adaptadores para cubertos e materiais de cociña ata productos para a comunicación e información; mobiliario e adaptación das vivendas como camas especiais; actividades de ocio doméstico e tempo libre e aparellos adaptados para o coidado e o aseo persoal. Agardamos que esta nova actividade sirva para a mellora da calidade de vida das nosas persoas maiores”.