Cervo, 13 de marzo de 2021. O Concello de Cervo vén de reforzar substancialmente a iluminación na zona de xogos da Praza dos Campos e da céntrica rúa Beiramar, en San Cibrao, coa instalación de varios novos farois de tecnoloxía LED. A actuación supuxo un investimento que supera os 10.000 euros procedentes de fondos municipais.
O rexedor, Alfonso Villares, e a tenente alcalde Dolores García Caramés, acompañados por técnicos municipais, achegáronse ata o lugar esta pasada noitiña coincidindo co acendido das novas luminarias para comprobar in situ a mellora que supoñen para esta zona constatando “o incremento notable da visibilidade e tamén da seguridade en toda esta contorna tan transitada pola veciñanza”.
A nova instalación vai en consonancia coa filosofía do Concello de Cervo que aposta así pola enerxía máis limpa, sustentable e eficiente en cada nova actuación que se promove no municipio.