Lugo, 12 de marzo de 2021. A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, aplaude o anuncio da Xunta de axilizar a nova depuradora de Foz. A subdelegada considera que é “unha moi boa noticia e agardo que se concrete en feitos” o anuncio que fixo onte a Xunta, trala reunión que mantivo o alcalde de Foz, Franciso Cajoto, coa directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez.
Isabel Rodríguez felicítase porque “Augas de Galicia tome, por fin, a iniciativa de acelerar esta infraestrutura imprescindible, pola que tanto tempo levan agardando os focenses”.
A subdelegada expresou a súa satisfacción porque Augas de Galicia estea decidida a sacar adiante, dunha vez, o proxecto e lembrou que o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico agarda, desde o mes de novembro de 2020, que a Xunta aporte documentación á Dirección Xeral para a Costa e o Mar. Concretamente, está pendente documentación que se refire tanto á falta de definición da ocupación en lámina de auga como á obriga de presentar un estudo bionómico coas posibles afeccións ao medio.
Asimesmo, a subdelegada do Goberno aclarou que a Dirección Xeral para a Costa e o Mar non ten pendente pendente facer ningún trámite en relación coas conducións de vertido das EDAR de Nois, Cangas e Fazouro, tamén no concello de Foz.
OUTROS CONCELLOS
Isabel Rodríguez agarda que a Xunta de Galicia actúe, por fin, e dea o impulso necesario para resolver o problema que supón a depuración de augas en distintos concellos da Mariña.
Rodríguez lembra que a Dirección Xeral para a Costa e o Mar tamén está á espera de que Augas de Galicia realice diversos trámites legais referidos, por exemplo, á EDAR de Burela, da que non consta que a Xunta teña aprobada a declaración de impacto ambiental, nin se recibiu solicitude de informe de adscrición ou de modificación da concesión vixente para o novo emisario.