Burela, 6 de marzo de 2021. Onte, 5 de marzo, celebrouse o Día Mundial da Eficiencia Enerxética, coa finalidade de reflexionar e concienciar da importancia do uso racional da enerxía para o propio ben da raza humana, xa que de continuar co seu despilfarro “isto traería consecuencias irreparables para o planeta enteiro”, indicaron desde a Concellería de Medio Ambiente.
Toñi Eijo subliñou que “para un uso racional da enerxía o importante é optimizala a través doutras fontes máis sostibles e limpas”.
A edil burelesa sinalou que “ademais no día a día todos nós podemos adoptar medidas para ser máis eficientes enerxeticamente: usar lámpadas de baixo consumo (LED), evitar deixar as luces acesas se non lles estamos dando uso, non deixar os cargadores dos teléfonos móbiles enchufados, apagar os equipos que non esteamos utilizando, aproveitar ao máximo a luz natural, diminuír o uso do vehículo privado, utilizar a lavadora e o lavalouzas a carga completa, mercar electrodomésticos de alta eficiencia enerxética, evitar usar o ferro en exceso, pintar as paredes con cores claras, evitar abrir o frigorífico innecesariamente, etc”.
Eijo engadiu “por iso dende a Delegación de Medio Ambiente do Concello de Burela invitamos a tod@s @s veciñ@s a aplicar estes sinxelos consellos no seu día a día. É responsabilidade de tod@s coidar a natureza. Aforrar enerxía axuda a reducir a contaminación ambiental e o quentamento da atmosfera, e supón ademais un aforro considerable de diñeiro”.