Viveiro, 5 de marzo, 2021. A crise derivada da covid-19 está a supoñer un reto sen precedentes para o comercio local. Os centros comerciais abertos tiveron que buscar novas fórmulas de dinamización comercial para adaptarse aos cambios nos hábitos de consumo e os protocolos sanitarios esixidos para facer fronte a pandemia. Co obxectivo de compartir estas experiencias e descubrir distintas iniciativas que se están desenvolvendo dento e fóra de Galicia, os próximos días 10 e 11 de marzo terá lugar o primeiro Congreso Galego de CCAs e CCUs. O evento, en formato online, acollerá relatorios de expertos e mesas redondas nas que intervirán representantes de varias zonas comerciais urbanas do País Vasco, Canarias ou Portugal.
Este primeiro Congreso está organizado polo Arteixo Centro Comercial Aberto, que exercerá de anfitrión, en colaboración coa Asociación Galega de Xerencia de Centros Comerciais Abertos. Nace adaptado ás circunstancias actuais, pero coa idea de ter continuidade no futuro.
As axudas económicas directas a pemes e autónomos, os bonos para o incentivo do consumo, a dixitalización do pequeno comercio e as iniciativas de transformación de espazos urbanos que se están a acometer en distintos lugares serán algúns dos temas a tratar nesta primeira edición.
Os CCAs teñen experiencia na implantación de políticas de dinamización comercial e coñecen de primeira man as necesidades dos pequenos negocios que integran o comercio local.