Barreiros, 4 de marzo do 2021. O concello de Barreiros acollerá no primeiro fin de semana de maio a terceira edición do Campus TrinatExperience, que incuirá un acuatlón, rutas en bicicleta e a actividade estrela denominda Triatlón de Barreiros.
O Campus, organizado polo Club Trinat e apoiado desde o Concello de Barreiros incluirá ademais outras actividades complementarias que se presentan como unha oportunidade para a promoción da zona, como a práctica de surf, sendeirismo ou actividades que poderán estar abertas á poboación en xeral.
Na presentación do evento -na que participaron a alcaldesa, Ana Ermida; o concelleiro de dinamización, Dani García; a técnica deportiva, Lara Martínez, e o coordinador do Campus, Raúl Pérez- destacouse o carácter diferenciador desta actividade, xa que se presenta “como unha oportunidade para calquera persoa de adentrarse na práctica desta modalidade deportiva, sn necesidade de tela practicado previamente ou contar con ficha federativa.”
A alcaldesa explicou que se trata de “popularizar a práctica deportiva e achegar unha modalidade que impón certo respecto polas súas características a calquera persoa que teña interese nela”. As probas terán distintas distancias para adaptarse ás condicións das persoas participantes e “ten un importante valor engadido que é a posta en valor do territorio e da zona na que se desenvolve, actuando non só como dinamizador nese momento puntual; senón permitindo a promoción do noso concello para o futuro, coma un espazo natural no que poder realizar actividade deportiva ao aire libre e de xeito seguro”.
Raúl Pérez sinalou que a organización conta con un protocolo específico para a súa realización adaptada á situación sanitaria, plenamente realizable ao tratarse dun grupo reducido e de actividades ao aire libre.
O feito de achegar a práctica deportiva á poboación barreirense e da comarca e que se vaian desenvolver actividades abertas ao público en xeral dentro do programa do mesmo supuxo a aposta do goberno municipal para ser sede do Campus que en edicións anteriores se desenvolveu na provincia de Pontevedra e en Andalucía.
O concelleiro de dinamización, Dani García, amosou o seu agradecemento á organización por pensar en Barreiros para unha proba deste tipo e sinalou que pretende ser un escaparate para a realización doutras actividades deportivas que se están a programar desde a área municipal.
Nos vindeiros días abrirase o prazo de inscrición no campu, podendo obter toda a información en www.clubtrinat.com e info@clubtrinat.com