Burela, 3 de marzo, 2021. A última incorporación das Guerreiras, Luísa Mayara da Silva Borges (Blumenau, 1991), xa estará dispoñible para o seu debut de laranxa esta semana, o sábado na pista de Xaloc Alacant (19.15 horas). A internacional brasileira, acompañada polo presidente, Manuel Blanco, na súa presentación oficial, amousouse moi contenta, pero tamén cos nervios lóxicos, ante a gran cita da súa estrea no fútbol sala español.
“Xa me parecía un equipo moi competitivo e intelixente, pero agora que o comezo a coñecer dende dentro aínda me parece un punto máis. É unha filosofía que se acopla moi ben ao meu xogo, aínda que teño que agardar un pouco máis para adaptación entre Brasil e España”, confesaba a ala procedente do Female Futsal de Chapecó, moi satisfeita coa súa inmersión na dinámica do Pescados Rubén Burela despois de tres semanas de adestramentos: “Está sendo paulatina; salvando a diferenza do idioma, estamos no bo camiño, aínda que falta un pouco de fluidez nas xogadas e en toda a conexión co equipo. No entanto, creo que xa vou poder axudar con algunha cousa; tamén hai ansiedade e nerviosismo, algo que lóxico e que tamén axuda a mellorar a unha mesma” explicaba Luísa Mayara, nun vestiario non de todo descoñecido, xa que compartiu o título de campioa na Selección do Brasil con Cilene e Cami na Copa América 2019
“Espero o sábado con moitas ganas. Se así o decide Julio eu vou estar dispoñible para dar o máximo”, aseguraba cos ollos brillantes a nova 12 burelista.