Lugo, 01 de marzo de 2021. O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, respondeu hoxe ás críticas do alcalde da Fonsagrada sobre a negativa da Xunta de Galicia a ceder o pavillón do IES Fontem Albei para construír dúas pistas de pádel. Arias mostrouse tallante ao asegurar que non é normal anunciar un proxecto cando non se ten pechada a localización e “pola nosa banda tampouco podemos inutilizar esta dotación”. A Xunta non pode condicionar o uso lectivo deste pavillón, no que ademais está previsto acometer reformas, subliñou.
Desde a Consellería de Cultura, Educación e Universidade confirmaron que se está estudando unha reforma desta infraestrutura para que albergue prácticas de ciclos formativos de FP, actividades lúdicas e outro tipo de actos solicitados polas asociacións. O que non podemos, lembra Arias, é inhabilitar o uso educativo desta infraestrutura para a construción de dúas pistas de pádel.
O delegado da Xunta en Lugo quixo ademais matizar as declaracións do alcalde da Fonsagrada, sobre a falta de uso do pavillón do IES. “Non é certo que leve 25 anos sen utilizarse. En calquera caso, está prevista unha reforma para solucionar as deficiencias que poda presentar e que deste xeito poda empregarse para os usos lectivos e veciñais, que son os fins aos que se deben destinar dotacións deste tipo”.
De feito, Javier Arias confirmou que a Xefatura Territorial de Educación comunicoulle esta mesma mañá ao alcalde da Fonsagrada a posibilidade de que a Xunta permita a cesión do uso do pavillón do IES para actividades municipais ou de asociacións veciñais, fóra do horario lectivo, e que as futuras pistas de pádel se constrúan no pavillón municipal.
Ademais, o delegado territorial en Lugo di non entender como elixe unha ubicación para un proxecto sen ter pechada a cesión desa infraestrutura previamente. Ao fío das súas declaracións, Arias considera que parece que só queira crear polémica arredor deste tema, porque a postura da Xunta non pode ser outra que garantir a utilización do pavillón de acordo aos seus usos educativos.
A este respecto, puxo de manifesto que as actuais circunstancias derivadas da Covid esixen de novos espazos, polo que requírese cautela antes de ser cedidas para unha actividade que inutilizaría este espazo para outras de carácter deportivo, educativo ou cultural, para as que están destinados. Ademais, sinala que “podería comprometer os nosos recursos, tanto para responder ás necesidades do centro como para colaborar con clubes e asociacións que soliciten o pavillón para desenvolver os seus programas”.