Viveiro, 1 de marzo de 2021. O grupo de goberno de Viveiro informa que o este xoves, 4 de marzo, terá lugar no concello a reunión solicitada pola alcaldesa, María Loureiro, en relación co peche da sucursal de Abanca en Celeiro, na que estarán presentes unha representación veciñal e directivos de Abanca e na que se intentará avaliar posibles solucións para que a entidade bancaria reconsidere a súa decisión e a sucursal de Celeiro poida permanecer aberta.
Ademais, no pleno que terá lugar mañá, martes 2 de marzo, tratarase a moción presentada pola alcaldía propoñendo ao pleno da corporación que se adopte o acordo de instar á entidade Abanca a que manteña aberta a sucursal, polo prexuízo que o seu peche pode causar ás persoas que viven en Celeiro.
“Non tiñamos constancia do peche, a entidade comunicouno cando xa era efectivo e lamentamos a decisión”, afirma o grupo de goberno, que espera a unanimidade dos grupos no apoio á moción.
En Celeiro viven unhas 1.300 persoas e era a única oficina bancaria que quedaba aberta. “Non temos competencias pero defenderemos os intereses dos veciños e veciñas, non todo podo decidirse en función da rendabilidade e os beneficios, é un servizo importante que se perde”, engade o grupo de goberno.
“As oficinas físicas aínda son importantes para moitas xestións, pechalas é unha perda de servizos importante, por iso demandaremos a Abanca que reconsidere a medida”, remata o grupo de goberno.