Foz, 26 de febreiro de 2021. O alcalde de Foz, Fran Cajoto, aclara que os traballadores do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) neste concello non recibiron as vacinas contra o Covid-19 porque o SERGAS non as enviou aínda.
O rexedor municipal explica que o Concello “remitiu cando o solicitaron o listado desas traballadoras á FEGAMP e esta entidade trasladoullo á Consellería de Sanidade en tempo e forma. O motivo real polo que non recibiron as vacinas é porque estas non chegaron , co cal as críticas do PP por este asunto en todo caso deberían ir dirixidas ao SERGAS, departamento da Xunta de Galicia que é o encargado de enviar as vacinas e poñelas”.
Fran Cajoto engade que “nun pleno de hai uns meses o PP de Foz pediu que a Deputación contratara médicos para o Centro de Saúde e agora atrévese a aseverar que os traballadores do SAF non se vacinan por culpa do alcalde, cando o Concello enviou os datos persoais de todo ese persoal en tempo e forma. O PP de Foz descoñece por completo que se están vacinando aos traballadores dos SAF dos concellos en función da dispoñibilidade de vacinas, segundo as ordes que transmite o SERGAS, non os concellos. E hai varios municipios da Mariña nos que non se está vacinando aínda a este persoal, algo que se fará nos próximos días. Xa está ben de falsidades. Estamos en permanente contacto coa xerente do distrito sanitario, María José Cortés, nun clima de total colaboración. Eu digo basta: coa saúde non se xoga, coas vacinas contra a maldita pandemia non se xoga. E pido un pouco de respecto aos concellos, aos traballadores do SERGAS e ás veciñas e veciños de Foz”.
O alcalde de Foz aclara tamén que dá estas explicacións en resposta ás críticas do PP porque “se non houbera este motivo non falaría deste asunto agora pois consideramos que as vacinas e outras cuestións relativas á pandemia non deberían usarse para liortas políticas partidistas porque son asuntos moi serios”.