Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2021. A Xunta solicita a colaboración do concello de Ribadeo para buscar unha ubicación alternativa nas instalacións municipais para albergar o arquivo e poder celebrar vodas e conciliacións mentres se levan a cabo as obras de reforma integral sobre a sede actual. O Goberno galego cedeu ao concello un local provisional propiedade do Instituto Galego de Vivenda e Solo que a Sala de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia considera válido se ben solicitase outro local para o arquivo e as celebracións nupciais.
Cómpre lembrar que o traslado do xulgado de paz a un novo local precisa de acordo da Sala de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, dado que a afectación dun inmoble a actividades xudiciais require o acordo da devandita Sala de Goberno, segundo o artigo 4 do Regulamento 1/2000, dos órganos de goberno dos tribunais.
A Xunta investiu 42.000 euros no acondicionamento deste local provisional e, dacordo á resolución da Sala de Goberno do TSXG, tras os informes enviados sobre o local, o espazo para depósito e arquivo e a relación de libros e documentos a trasladar, considerase adecuado este inmoble temporal como sede provisional do xulgado de Paz e solicitase un local alternativo para acoller o arquivo; os libros de nacementos, matrimonios e defuncións do Rexistro Civil, así como para poder celebrar vodas civís.
Por iso, a Xunta insta ao concello de Ribadeo a colaborar para o traslado temporal destes servizos a outras instalacións municipais mentres no local cedido pola Xunta os funcionarios poden desempeñar o seu traballo en canto se realizan as obras na sede principal.
O Goberno galego lembra que son as administracións locais as competentes en materia de instalacións e medios instrumentais dos xulgados de paz (art. 51.3 da Lei 38/1988, de 28 de decembro, de demarcación e de planta xudicial) e, de xeito construtivo, apuntan que unha posible solución pasaría polo traslado destes servizos a outro local municipal.
A Xunta é a administración encargada de proporcionar o cadro de persoal dos xulgados de paz e abonar os seus salarios e ás distintas administracións locais correspóndelles a habilitación dos medios técnicos e das instalacións axeitadas. De todas formas, neste caso a Xunta tamén colaborou coa cesión dun local provisional e o seu acondicionamento mentres a Administración local leva a cabo a reforma da sede do xulgado de Paz.