Viveiro, 22 de febreiro, 2021. O saúdo da alcaldesa na páxina web do Concello de Viveiro é do 1 de xullo do 2015, presenta “Unha fiestra aberta ao mundo nova e mellorada coa que se pretende establecer unha nova canle de comunicación entre a administración e o cidadán”. Tras mencionar ao cidadán e olvidarse da cidadá, continúa explicando que os obxectivos desta plataforma serán “informar, facilitar as relacións administrativas, fomentar o turismo, dotar a xestión municipal de claridade e transparencia… en definitiva, crear unha web moderna e eficaz que poida converterse nunha ferramenta de traballo dende distintos puntos de vista”.
Mais navegando un intre pola páxina web axiña confirmamos que ningún dos obxectivos se está a cumprir (agás o de fomentar o turismo, que conta con sitio específico aparte). Esta páxina web non informa, nin é clara, nin é transparente, xa que conta con contradiccións, desactualizacións e omisións no contido das informacións, sen que a persoa usuaria coñeza que información é real e cal non, e cunha estrutura e deseño desorganizados e pouco funcionais.
Estes son algúns exemplos que evidencian a ineficiencia da páxina web do concello de Viveiro:
.Unha portada cunha estrutura e diseño que non favorecen a accesibilidade aos contidos municipais.
.Os menús están desestruturados e pouco ordenados.
.A ligazón da sede electrónica ten o certificado caducado. Semellando que a páxina estea hackeada, dando sensación de inseguridade.
.O responsive, que permite adaptar a páxina web para ser visualizada en dispositivos móbiles, non é o axeitado.
.Existen descuadres entre a versión móbil e a versión PC.
.No footer (parte inferior da páxina web onde se adoitan poñer o copyright, botóns para as redes sociais, etc….) existe unha miscelánea desordenada de ligazóns sen sentido ningún, como o programa das festas patronais do 2019, economía do plan de axuste, inscricións para a piscina, perfil do contratante… Ligazóns que deberían ir recollidos e ordenados na estrutura da web e non no footer.
.Existen botóns para as redes sociais Facebook, Twitter e G+, pero ningún botón redirixe a páxinas ou contas do concello. É máis, ao BNG de Viveiro non lle consta que o concello de Viveiro teña contas en Twitter ou G+. E curiosamente non existe botón para a canle do concello de Youtube.
.Case todas as ligazóns que redirixen ás distintas concellerías, describen as funcións e programacións das distintas áreas, pero non redirixen a un espazo que reúna información actualizada de cada unha (exemplo: novas, publicacións, etc)
Respecto do contido:
.No botón “concello” desglósase un menú co saúdo da alcaldesa (do 2015); composición política (actualizado o concelleiro non adscrito, e colocado antes do BNG rompendo a orde por número de votos da gráfica superior); situación e demografía (os datos demográficos máis actuais son do 2010); bandos (sen contido e pendente de actualizar); Tfnos e enderezos (faltan algúns, como os do CIM); Notas de prensa (desactualizada desde 2019).
.Existe información contradictoria. Na descrición do equipo de goberno, aparecen Emilio Villarmea Méndez a cargo dunha delegación especial (educación), César Iglesias Docal como concelleiro da área de deportes, e Victoria Baamonde Gómez noutra delegación especial (social). Con todo, na ligazón das concellerías, aparece Emilio Villarmea como concelleiro de deportes, no canto de César Iglesias. E Isabel Rodriguez López como concelleira da área social, cando non forma parte do equipo de goberno.
.O contido das concellerías está desactualizado desde 2015, e baleiro de contido nas áreas de medio ambiente, obras, medio rural, facenda, educación e mar.
Respecto ao concello dixital: están baleiras de contido as comisións de goberno; o período medio de pagos está desactualizado; ordenanzas desactualizadas desde 2018; actas dos plenos desactualizadas desde o 2018; actas da xunta de goberno desactualizadas desde o 2018.
.A axenda está totalmente baleira de contido podendo promocionar cando menos a actividade cultural do Teatro Pastor Díaz.
.Dificultoso e confuso acceder a un dos apartados máis importantes como é a Axenda Electrónica e as súas últimas actualizacións, tendo que navegar por numerosos apartados de dificil visualización como é: Entrar en “Concello Dixital”, seleccionar “Sede Electrónica”, abaixo e a dereita da páxina está o “Taboleiro de Anuncios” observándose completamente baleiro, mais logo se prememos no pequeno e ridículo “+” pódense ver as últimas actualizacións da Sede Electrónica. Moi díficil de intuir e de atopar para calquera persoa.
.Abraia ver como é do 6 de xuño de 2018 a última acta de pleno subida, sen acceso ás últimas actas nen sesións plenarias video-gravadas.
Por todo o anteriormente exposto, o grupo municipal do BNG solicita
1.Redeseñar a estrutura da páxina web oficial do Concello de Viveiro para convertela nun verdadeiro servizo público que ofreza información á veciñanza de forma atractiva, sinxela e intuitiva e coa máxima transparencia posible.
2.Empregar unha única dirección web do concello e incorporar o dominio .gal á web oficial, ás direccións electrónicas e á súa sede electrónica.
3.Facer a web oficial do concello accesible para persoas con diversidade funcional e de maior idade.
4.Manter a información dos contidos da web oficial do concello actualizada.