Lugo, 19 de febreiro de 2021. Efrén Castro felicitou aos atletas Álex Barreiro e Santiago Rozas polos seus resultados no campionato de España sub-23, no que asinaron o segundo posto en triple salto e o oitavo posto en 200 metros valados, respectivamente.
Nun encontro virtual, o deputado de Deportes transmitiulles “os parabens e a admiración por acadar este nivel competitivo en disciplinas que, “ademais de preparación física, requiren dun gran dominio da técnica. Queremos facervos chegar o recoñecemento da Deputación e poñer en valor o traballo que hai detrás destes resultados, máis tendo en conta as dificultades e contratempos provocados pola pandemia na rutina de deportistas e clubs”.
Na conversa, na que tamén participaron os adestradores José Luis Peña e Pablo Gandoy, os atletas expuxeron as dificultades que atopan a medida que avanzan en idade e traxectoria para compaxinar deporte e estudos ou afrontar desprazamentos cada vez máis frecuentes e longos para asistir ás competicións.
Pola súa banda, Efrén Castro reiterou o compromiso da Vicepresidencia co atletismo, con iniciativas como a organización da Copa Deputación de Atletismo ou as bolsas para deportistas individuais, que na última convocatoria beneficiaron 185 deportistas, entre eles 67 atletas de diferentes categorías de toda a provincia.