Lugo, 15 de febreiro de 2021. A Xunta de Galicia apoiou nos últimos tres anos 419 actuacións de mellora de vivendas promovidas por particulares na provincia de Lugo a través da concesión de achegas por valor total de 4,1 millóns de euros.
O delegado territorial da Administración autonómica, Javier Arias, explicou que no 90% dos casos (378 dos expedientes aprobados) financiáronse obras de fomento da conservación, a seguridade e a accesibilidade dos inmobles. As restantes (41 expedientes) foron actuacións para promover o aforro enerxético.
Arias coñeceu hoxe o resultado dos traballos de renovación das fachadas do edificio número 5-7-9 da rúa Alfonso X O Sabio da cidade de Lugo, onde a comunidade de propietarios impulsou o acondicionamento da envolvente, incluída a cuberta, para o que obtiveron unha axuda de 88.000 euros.
Na capital luguesa distribuíronse 2,3 millóns de euros que incentivaron 159 actuacións de mellora de vivendas neste período, segundo explicou o delegado, quen destacou que as axudas chegaron a 59 municipios lucenses e beneficiaron a propietarios tanto de áreas urbanas como rurais, residentes en comunidades ou en casas unifamiliares.
Dúas liñas de axudas
Entre as obras executadas dentro das dúas liñas incluídas no programa -unha para favorecer a eficiencia enerxética e a outra para fomentar a conservación e a accesibilidade-destacan as melloras nas envolventes dos edificios, a instalación de sistemas de calefacción, refrixeración, produción de auga quente sanitaria ou instalación de equipos de xeración ou que permitan a utilización de enerxías renovables; así como as actuacións que melloren o cumprimento da normativa técnica en cuestións como o illamento sonoro.
Tamén se subvencionaron traballos relativos á conservación da cimentación, da estrutura, das instalacións, de cubertas e fachadas, a adecuación interior da vivenda unifamiliar, instalación de ascensores, salvaescaleiras, ramplas, instalacións de sinalización, elementos electrónicos de comunicación, domótica e calquera elemento que facilite a accesibilidade.
Novas axudas de rehabilitación enerxética
Arias explicou que a Xunta mantén aberta unha nova convocatoria de axudas para financiar obras de rehabilitación enerxética de edificacións existentes, que xestiona a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo.
As persoas interesadas en solicitar as achegas poden facelo ata o día 31 de xullo deste ano. Poden beneficiarse delas os propietarios de vivendas e as comunidades de propietarios, para realizar obras de mellora da envolvente térmica, de uso de enerxías renovables ou para optimizar instalacións de iluminación.