NOTA DE PRENSA
Así o indicou con ocasión da súa visita a Monforte o mandatario galego
FEIJOO CONFIRMA POR SEGUNDA VEZ A INDEPENDENCIA E AUTONOMÍA PLENA DA ÁREA SANITARIA DA MARIÑA LUCENSE
* Rexeitou calquera dúbida sobre o futuro da sanidade na nosa comarca e sinalou que a xerencia integrada implica unir a xestión de atención primaria e especializada.
A Mariña, 29 de maio de 2010.- O secretario provincial do Partido Popular e deputado lucense, Jose Manuel Balseiro Orol quen participou no día de onte nunha cea multitudinaria desta formación política en Monforte explicou que o Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, confirmou por segunda vez a independencia e autonomía plena da área sanitaria da Mariña lucense (Burela), como xa fixo no pasado con ocasión da visita á festa da faba de Lourenzá. O mandatario galego, tal e como puideron recoller os distintos medios de comunicación presentes neste acto, explicou que as áreas de Burela, Lugo e Monforte “continuarán sendo independentes e con todas as competencias”.
Balseiro subliñou que as palabras do titular da Xunta veñen a ratificar todos e cada un dos argumentos sostidos polo Partido Popular da Mariña ao respecto do futuro da sanidade lucense, e polo tanto, resolver as dúbidas e desfacer as maliciosas insinuacións mantidas polas forzas do bipartito e as súas organizacións satélites. Alberto Núñez Feijoo rexeitou calquera dúbida sobre o futuro da sanidade pública e sinalou que a xerencia integrada implica unir a xestión de atención primaria e especializada: centros de saúde e hospitais
O deputado lucense insiste en que desde o seu acceso ao Goberno autonómico, tras acadar o respaldo electoral maioritario dos galegos e dos lucenses, o PP está a traballar pola mellora do sistema público de saúde e por corrixir todo aquilo que despois de catro anos de bipartito funcionaba mal. O Presidente da Xunta insistiu en que Burela e Monforte non dependerán de Lugo, “a diferenza do que pretendía facer PSOE e BNG, un proxecto que nos atopamos cando chegamos ao goberno e que nos deixamos sen efecto”