Lugo, 12 de febreiro de 2021. A Rede Museística Provincial lanza “Saudarte en rede”, unha nova programación en liña pensada para acompañar a estancia hospitalaria de nenos e nenas a través da experiencia cultural nos museos.
Os museos provinciais ofrecen a través de Whatsapp estas actividades, deseñadas cun formato sinxelo, lixeiro e flexible, para desenvolver en pouco tempo e espazadas ao longo da semana.
A proposta, que conta coa colaboración da área de Humanización da Área Sanitaria de Lugo, ofrece ás crianzas ingresadas nos centros hospitalarios “coñecer os catro museos a partir de diferentes xogos e probas, aproveitando os recursos en liña da rede provincial”, explicou a xerente da Rede, Encarna Lago.
A vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro, sinalou que con esta nova proposta se “segue a ampliar a oferta de actividades dos museos provinciais, que desde o inicio da pandemia se procuraron fórmulas para seguir achegando o patrimonio a todos os públicos”
Catro en Rede
A partir dunha personaxe de ficción –un trasno rabudo que quere separar os museos-, dous días á semana propóñense unha serie de xogos e actividades que terán que ver cos contidos, coleccións e profesionais dos catro museos ata completar o percorrido por todos eles .
Scape room pola Rede
Trátase de visitas virtuais artelladas a redor de distintas temáticas, buscando establecer conexión entre as distintas pezas dos museos. O Lugo romano, a vestimenta ao longo da historia ou a igualdade son algúns dos eixos temáticos que se propoñen para estes percorridos.
Inscrición
As persoas interesadas en participar en calquera das actividades poden anotarse a través do telefóno 699 836 883 ou do correo a comunidadermpl@gmail.com, indicando no asunto “Saudarte en rede”