Mondoñedo, 11 de febreiro de 2021. A Xunta de Galicia sorteou hoxe as dúas vivendas unifamiliares resultantes da recuperación dun edificio no barrio dos Muíños de Mondoñedo. Trátase dun sorteo entre os respectivos adxudicatarios, que serve para asignar a cada un deles a vivenda concreta que lle corresponde.
O delegado territorial da Administración galega, Javier Arias, explicou que se trata de dúas vivendas de promoción pública situadas nos números 26 e 28 da praza, que o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) oferta en réxime de alugueiro tras destinar preto de 400.000 euros ás obras de rehabilitación.
Arias visitou os inmobles xunto cos seus adxudicatarios e destacou que este tipo de actuacións “responden ao dobre obxectivo da Xunta de facilitarlle á cidadanía o acceso á vivenda e ao mesmo tempo dinamizar as vilas e cidades coa rehabilitación de edificios en zonas emblemáticas, como este barrio mindoniense, ao que proximamente se sumarán novos veciños e veciñas”.
As vivendas teñen 102 e 108 metros cadrados, respectivamente, e dispoñen de tres dormitorios cada unha. As obras supuxeron a rehabilitación integral do inmoble, respectando a singularidade da fachada, construída en recebado de cal sobre pedra e formigón. Entre as características do proxecto destacan tamén as fiestras exteriores de madeira de castaño ou pino, pavimentos interiores de baldosa de gres e tarima de madeira de carballo e cuberta de lousa con cravos de aceiro.
Arias lembrou que todas as persoas interesadas en optar aos pisos de promoción pública que xestiona a Xunta deben anotarse no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda de Galicia. O prazo está aberto todo o ano e a inscrición pode facerte de xeito telemático ou presencial.